O Concello da Pobra do Caramiñal homenaxeou este 15 de outubro, no Consistorio, labor de varios axentes da Policía Local no operativo contra o narcotráfico desenvolvido recentemente na ría de Arousa, no que se aprehenderon 3,6 toneladas de cocaína.
Participaron no acto (entre outras personalidades) o alcalde José Carlos Vidal e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, quen salientou “a profesionalidade, o compromiso e a valentía” dos axentes Marcos Rodríguez Iglesias, Marcos Mosteiro Souto, Benito Portas Piñeiro e o xefe da Policía Local, Antonio Millán Romero, que coordinou o operativo.
Abalde lembrou que “o traballo destes axentes foi determinante para deter aos tres tripulantes do semi somerxíbel e localizar un dos dous alixos de droga”, e puxo en valor a colaboración coa Policía Nacional de Ribeira e co equipo investigador de Vigo, que fixo posible o éxito da operación.
Durante a súa intervención, o subdelegado felicitou especialmente á Policía Nacional, representada polo inspector xefe de Ribeira, Diego Amaya, e polo comisario principal e xefe provincial da Coruña, Carlos Gómez, aos que agradeceu “o seu traballo incansable e o seu apoio constante ás policías locais, coas que forman un equipo unido e eficaz na defensa da cidadanía”.
“A droga é unha auténtica praga que destrúe vidas, rompe familias e deteriora comunidades enteiras —subliñou Abalde—, pero fronte a ela está o esforzo incesante das nosas forzas e corpos de seguridade, que día a día traballan para construír unha sociedade máis segura e máis xusta”.
O subdelegado fixo tamén unha chamada á implicación social na loita contra o narcotráfico, sinalando que “é unha batalla que non se libra só nas augas ou nas rúas, senón tamén na conciencia colectiva”.
O acto rematou cun recoñecemento público aos cinco axentes homenaxeados e cunha mensaxe de unidade institucional e colaboración entre o Concello da Pobra do Caramiñal, a Subdelegación do Goberno e as forzas de seguridade do Estado na loita contra o narcotráfico.




