A Concellería de Cultura de Noia e o Taller Alecrín presentan dous cursos regulares de baile para a tempada 2025-2026
Noia, 25 de outubro de 2025.
A Concellería de Cultura do Concello de Noia, en colaboración coa Asociación Cultural Taller Alecrín, pon en marcha dous obradoiros regulares de baile para adultos que se desenvolverán no Local de Ensaios Prudencio Romo entre novembro de 2025 e xuño de 2026, dentro do programa “Tempada 25-26. Compromiso co Baile”.
O primeiro dos cursos será un obradoiro de Linedance para singles, que se impartirá os luns de 20:30 a 21:30 horas, no que se traballarán coreografías de ritmos clásicos como o Swing ou a Polka, xunto con estilos modernos como o Disco ou o Funky, e sen esquecer os ritmos latinos como a Bachata ou o Cha-cha-chá.
O segundo curso, de Baile Social para parellas, terá lugar tamén os luns de 21:30 a 22:30 horas, cun repertorio que abranguerá dende ritmos estándar como o Vals, o Swing e o Tango, ata ritmos latinos e tropicais como o Cha-cha-chá, a Bachata, a Salsa ou a Kizomba.
O programa complétase con diferentes promocións e actividades complementarias, entre as que destaca a iniciativa “Xoga ao Baile Deportivo”, dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, coa que se busca achegar o baile ás aulas de Educación Física. Ademais, o Taller Alecrín volverá celebrar o “Día Internacional da Danza”, evento xa consolidado na comarca, no que o alumnado amosará parte do seu repertorio nun espectáculo aberto a todos os públicos.
O director técnico e pedagóxico do Taller Alecrín, Francisco Muñiz, será o responsable de impartir ambos os obradoiros, que terán unha xornada de portas abertas o luns 27 de outubro, nos horarios habituais das clases. Para participar nesta sesión é necesario realizar unha inscrición previa a través do teléfono da Asociación.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse como socio/a do Taller Alecrín, cunha cota anual de 25 euros. A continuación, poderase aboar unha cota mensual de 27 euros para asistir a un dos obradoiros ou de 37 euros para participar en ambos.
Máis información e inscricións: talleralecrin@gmail.com teléfono 698 150 432




