A Asociación A Leoira, con sede en Asados (Rianxo), iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para a presentación de alegacións aos actuais plans de transporte público da Xunta, que, segundo denuncian, contemplan a eliminación das rutas de autobús entre Asados e Santiago.

“A veciñanza de Asados contempla con preocupación o novo proxecto de explotación do plan de transporte público para A Barbanza”, sinalan, engadindo que “se ben hoxe 8 rutas que unen Santiago coa comarca pasan pola parroquia rianxeira, e entre todas, suman máis de 10 frecuencias diarias en cada sentido; o novo plan da Dirección Xeral de Mobilidade contempla unha única ruta Padrón-Rianxo que pasaría 2 veces ao día”.
A Leoira considera o servizo proposto “insuficiente” e “comeza agora unha recollida de sinaturas para a presentación dunha alegación colectiva”.
Lembran que o DOG do 1 de outubro anunciaba o proxecto de explotación do servizo público de transporte entre Compostela e A Barbanza, un documento no que se asegura que “se introduciron melloras na oferta de servizos”, porén, critican, inclúe a eliminación de todas as rutas de autobús que pasan pola parroquia de Asados, e a cambio créase unha única alternativa que posibilita facer transbordos en Padrón ou na saída de Rianxo da autovía AG-11, pero con só dúas frecuencias diarias en cada sentido”.
Isto, din, “suporía a redución de máis do 80% no número de autobuses que circulan por Asados”.
Ademais, “as conexións co casco urbano de Rianxo reduciríanse a un terzo das actuais” e “quedaría imposibilitada a conexión directa coa capital galega, ou calquera outra vila do Barbanza”, sinalan.
A Asociación A Leoira estáse a organizar para tentar frear estes recortes. Consideran os cambios “contrarios ao interese público” e “a calquera política de dinamización rural” e aprecian “que as aldeas quedan sen transporte fronte á potenciación exclusiva das conexións por autoestrada”.
“Para nós”, din, “é incomprensíbel que o documento da Xunta empregue o argumento da evolución demográfica, ao mesmo tempo que se e entorpece a posibilidade do crecemento poboacional da parroquia mediante a redución dos servizos e o empeoramento a calidade de vida”.
Por iso comezan este 8 de outubro unha campaña de recollida de sinaturas. Unha alegación colectiva na que non só solicitan o mantemento das liñas actuais, senón tamén o aumento de frecuencias dunha das rutas xa existentes (Santiago-Lestrobe-Burés-Ribeira). Piden tamén a inclusión da marquesiña do lugar da Barraca nas rutas e a corrección do nome oficial das paradas actuais, que presentan múltiples erros.
A maiores denuncian que a Xunta “facilitou a documentación nun formato que imposibilita a busca e selección de texto” e consideran que “estas son ferramentas fundamentais para facilitar a accesibilidade, a identificación e a interoperabilidade da información”.
Alertan ademais que “outras parroquias de Rianxo quedarían sen ningún servizo de transporte público, máis alá dos autocares escolares”. Así, din, “O Araño, Leiro e Isorna quedarían sen ningunha conexión”.
Animan a outras entidades da comarca a que revisen o proxecto, e como afecta ás súas áreas. O prazo de presentación de alegacións remata o día 15 de outubro.



