Un incendio nun buque amarrado no porto de Ribeira mobiliza un amplo dispositivo de emerxencias

01 Setembro 2025

Un virulento incendio declarouse arredor das 17.45 horas deste luns 1 de setembro nun buque atracado no porto de Ribeira. A embarcación afectada é o Awadi, con bandeira de Mauritania, 50 metros de eslora e 780 toneladas de rexistro bruto. O seu porto base atópase en Nouadhibou, no norte do país africano.

Segundo as primeiras informacións, o barco estaba a ser reparado co obxectivo de retomar a súa actividade de pesca de arrastre na costa africana. Os traballos realizábanse esta tarde na sala de máquinas, lugar no que se iniciou o lume.

No punto mobilizouse un amplo operativo de emerxencias formado polos bombeiros, o GAEM de Ribeira, efectivos da Policía Nacional e Local, persoal de Salvamento Marítimo, Gardacostas e profesionais de Portos de Galicia.

Os equipos de extinción traballan intensamente para tratar de controlar as lapas. Os bombeiros realizan labores de extinción desde o propio buque, mentres que desde a patrulleira Mar de Galicia de Gardacostas trátase de arrefriar e combater o incendio desde o mar. Porén, debido á gravidade da situación, existen dúbidas sobre a posibilidade de conter o lume a curto prazo, polo que se prevé que os traballos se prolonguen durante o resto da xornada.

A pesar da virulencia do incendio, non se rexistraron persoas afectadas.

O arrastreiro levaba amarrado no porto de Ribeira desde o mes de abril, segundo o seu sistema de xeolocalización. O buque foi construído en 1980 no estaleiro noruegués Storviks Mekaniske Verksted baixo o nome de Anny Kraemer.

Fotos Manuel Dominguez

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.