
A Federación Galega de Boxeo vén de conceder ao noiés Tono da Silva, a título póstumo, a Medalla ao Mérito Deportivo, un galardón que recoñece a súa entrega e compromiso. A distinción foi recollida por Sk Ccr, presidente do SKT Club Deportivo.
Dende o Concello valoraron que “o nome de Tono da Silva, veciño de Noia e referente do noso deporte, segue moi presente entre nós” e engadiron que “a súa paixón polo boxeo e a súa dedicación á formación de novas xeracións fixeron del unha figura inesquecíbel para o deporte noiés e galego”.
O Concello tamén deu os parabéns ao SKT de Noia polos seus recentes éxitos deportivos: “O legado de Tono segue vivo en cada combate, en cada adestramento e en cada triunfo”, engadiron dende o Consistorio.
Entre os éxitos recentes do club figuran 4 ouros (3 en masculino e 1 en feminino) e 1 bronce nos Campionatos Galegos da semana pasada.
Tono da Silva
Tono da Silva, referente local, galego e estatal do deporte de contacto, faleceu en outubro de 2022.
Antonio Da Silva Díez (Noia, 1971) foi un dos maiores e máis reputados mestres de full contact do territorio galego, artífice do impulso e do prestixio do Club de Lucha Noia, previa formación no Ximnasio Muíños na compaña de Moisés Hermo e Santiago Rodríguez, con quen deu a forma ao Club de Lucha. Máis tarde Tono e Santiago tamén impulsaron o SKT. Unha doenza cardíaca puido con el en outubro de 2022, doenza que xa arrastraba dende os 24 anos, cando sufriu o seu primeiro infarto (o que lle obrigou a deixar as competicións e a centrarse na formación).




