O Goberno distingue ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza polo seu empuxe innovador e sustentábel

12 Setembro 2025

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) recoñeceu este 11 de setembro ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza como unha das 39 iniciativas exemplares no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O proxecto foi distinguido na categoría de innovación polo “seu carácter transformador” e polo “seu enfoque pioneiro de xestión comunitaria e científica, orientado a impulsar unha xestión sustentábel do territorio e a aumentar a resiliencia dos montes do Barbanza fronte aos lumes forestais”.

O acto de entrega celebrouse na sede no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid e estivo presidido pola vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, quen abriu a xornada e fixo entrega das distincións. “Queremos reforzar os eixes que funcionaron e aproveitar ao cen por cen os fondos do PRTR”, sinalou no seu discurso de apertura.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa impulsada pola Fundación RIA en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade Pablo de Olavide, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo.

Desde 2020, traballa da man das comunidades de montes veciñais da península do Barbanza para poñer en valor modelos de gobernanza comunitaria e explorar alternativas de futuro fronte ao abandono das actividades produtivas, a perda de biodiversidade e o risco de incendios forestais.

Claudia de Sas recolleu o premio como representante de todas as entidades socias: “É unha honra poder representar ao conxunto de entidades que colaboran no proxecto, todas elas —e especialmente as comunidades de montes que participan nel— están a desenvolver un labor fundamental para que o proxecto fose recoñecido”. Engadiu que a distinción do MITECO subliña a capacidade do proxecto para articular coñecemento científico, xestión comunitaria do territorio e coordinación institucional, ofrecendo “un modelo pioneiro de xestión multifuncional do territorio”.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza recibiu en febreiro de 2024 un impulso de 2 millóns de euros para avanzar na xestión sustentábel do territorio da man das comunidades locais, tras ser seleccionado na convocatoria de proxectos de bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Desde entón, o proxecto avanza arredor de tres grandes obxectivos estratéxicos, acadando xa resultados significativos:

Prevención de incendios e multifuncionalidade forestal

-Elaboración dun plan de ordenación conxunta en 6 comunidades de montes

-Traballos de xestión de biomasa en máis de 200 hectáreas

-Plantación de máis de 3.000 castiñeiros e outras frondosas en Rianxo

-Rabaño mancomunado de máis de 130 cabras para o manexo do territorio

-Posta en marcha dunha comunidade enerxética para enerxía renovable

-Produción de 30 m3 de compost e realización de sesións formativas con 8 comunidades de montes veciñais

-Uso colectivo dun serradoiro portátil en 5 demostracións prácticas

Creación de emprego verde

-Adxudicación de 11 lotes de traballos forestais a 6 empresas locais, cun volume superior a 500.000 €

-Contratación directa de 10 persoas grazas ao proxecto: administración, enxeñería de montes, gandeiros, tractorista, persoal para a posta en marcha dun centro de transformación de alimentos

-Contratación de servizos de asesoramento a 4 entidades do territorio

Investigación e implicación comunitaria

-Participación activa das comunidades en estudos sobre gobernanza sustentábel

-Posta en marcha dun espazo de ensaio para a rehabilitación de solos forestais

-Máis de 480 participantes en 19 accións de voluntariado ambiental

-Implicación de máis de 100 estudantes de centros educativos da contorna

-Realización de máis de 45 entrevistas e 11 acordos de colaboración con axentes locais

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...