O Concello de Ribeira continúa avanzando para mellorar a sustentabilidade e reducir as emisións contaminantes mediante actuacións en materia de eficiencia enerxética. Segundo informaron fontes do Consistorio facendo balance, nos últimos meses investíronse 357.000 euros en distintas accións, entre as que destacan a instalación de paneis solares en edificios municipais e a renovación integral do alumeado en varias instalacións deportivas.

O alcalde, Luís Pérez Barral, explicou que este tipo de proxectos forman parte dunha estratexia global do Goberno local que busca “facer de Ribeira un concello máis respectuoso co medio natural ao tempo que reduce custos na factura eléctrica municipal”. Engadiu que “estamos a demostrar que a aposta polas enerxías limpas e sustentábeis non é só un compromiso ambiental, senón tamén unha medida de aforro e de xestión responsábel dos recursos públicos”. Así, dixo, “os cartos que conseguimos aforrar na luz poderemos destinalos a mellorar servizos básicos ou a manter en mellores condicións as nosas instalacións municipais”, destacou o rexedor.
Novos paneis solares en catro edificios municipais
Tralo investimento realizado no ano 2024, que superou os 260.000 euros e permitiu instalar paneis solares no Auditorio Municipal, no Complexo Deportivo da Fieiteira e na sede da Unidade de Condutas Aditivas en Coroso, este ano déronse novos pasos. Este mércores 24 de setembro, sen ir máis lonxe, rematouse coa instalación doutros sistemas de enerxía fotovoltaica no Oficina de Información e Turismo, na sede da Policía Local, no Centro de Raqueta e no Conservatorio Municipal, cun investimento adicional de 45.000 euros.
Segundo Pérez Barral, “con estas medidas Ribeira convértese nun concello referente no aproveitamento das enerxías renovábeis”. O rexedor subliñou tamén que estes investimentos non
son feitos illados, senón parte dun camiño que Ribeira seguirá nos vindeiros anos:“O futuro pasa pola eficiencia enerxética e polas enerxías renovábeis. O noso deber como administración é anticiparnos, liderar e demostrar que é posíbel combinar progreso, aforro económico e respecto polo medio ambiente”.
Renovación do alumeado deportivo
O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, sinalou que no eido deportivo “a mellora tamén é evidente”. Dende finais de 2023 púxose en marcha un plan de renovación da iluminación das instalacións deportivas municipais, co obxectivo de mellorar a calidade lumínica e garantir un uso máis eficiente da enerxía.
O concelleiro lembrou que se actuou xa nos campos da Tasca (Aguiño) e da Fieiteira, e que este ano se completaron intervencións no Centro de Raqueta de Coroso, no campo da Guía (Carreira) e no Campo de Oleiros. Estas actuacións supuxeron un investimento de 70.000 euros.
Vidal subliñou que estas melloras significan un salto cualitativo xa que “falamos dun antes e un despois na calidade da iluminación. Os usuarios destas instalacións xa están a notar a diferenza: temos espazos mellor iluminados, máis seguros, e cun importante aforro enerxético”.



