O pleno municipal de Lousame aprobou este mediodía, en sesión extraordinaria, os tres proxectos incluídos no POS+Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña, cun investimento total de 99.980,84 euros. A achega destinarase integramente a actuacións de mellora en Millón, Ces e Gandarela.
A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que a convocatoria extraordinaria responde ao feito de que o prazo de presentación dos proxectos remata o 12 de setembro. Entre as obras previstas destaca a intervención na estrada entre Outeiro e Marracín de Arriba, nun tramo afundido no que será necesario construír un muro de contención e consolidar a zona. “É unha actuación urxente para evitar que o deterioro vaia a máis e reducir riscos, xa que o valado que sinaliza a zona incluso foi roubado nalgún momento”, advertiu Villaverde.
Tamén se acometerán melloras no interior da aldea de Millón, completando unha actuación anterior, e no viario do campo do Agro de Vilas, en Ces, para homoxeneizar o tramo onde recentemente se retirou un muro. Ademais, renovarase o firme do camiño Ces-Gandarela, que dá acceso á depuradora, co fin de facilitar a circulación de vehículos e os traballos de mantemento das instalacións.
A proposta da Alcaldía foi aprobada cos seis votos a favor do PP e as tres abstencións do PSOE, dado que tanto o voceiro socialista como o nacionalista non puideron asistir á sesión plenaria.





