Visita ao vestíbulo duns Multicines Valle-Inclán que seguen vivos na lembranza. Homenaxe a grandes protagonistas do cinema
Serie de 17 iconas
Táboa de pino / pintura acrílica
Sinatura: Correa Corredoira
Datación: maio de 1983

Compostela suma senlleiras mostras de arte mesmo alén da monumental Cidade Vella. Fai tempo quería divulgar entre @s neófit@s un inusual conxunto pictórico creado para dar lustre artístico a un máis de tantos inmobles anodinos, orfos de toda gracia, “desgracias”, que son sinónimos da brutal especulación urbanística e feísmo arquitectónico practicado, consentido, licenciado, beneficiado pola mala arte de políticos “demo_kacticos” asistidos por técnicos sen escrúpulos e colexios de colegas.
No medio de tanto zurullo e tanta “caca de lux”, entre a agresiva xaula inhumana irónicamente denominada “Ensanche”… eufemismo de alta dose etílica co que sinalar a unha “cidade nova” democráticamente formigonada, lubricada por malos arquitectos, malos alcaudillos e cortes de malos repúblicos, por malos constructores, en fin pola corrupción institucionalizada, só en raras ocasións os cidadáns somos asistidos pola arte urbana contemporánea.

Milagro das belas artes entre o feísmo xeral dun centro urbano no que a urbanidade sería rendida polo brutalismo de quen manipulou os poderes públicos para un exclusivo beneficio particular, hipotecando a calidade de vida da veciñanza como os intereses comunitarios por 30 denarios… No reino do canibalismo urbano, do feísmo arquitectónico, dos pelotazos entre despachos…
en pleno ano 2025 subsiste
—se ben non nas máis debidas condicións nin tratado co debido respecto que nas nacións civilizadas merecen estas marabillas do feito artístico— un senlleiro ciclo pictórico dentro das galerías que serviron de acceso ás salas dos multicines Valle-Inclán. Obras icónicas, creadas por Tono Correa Corredoira, datadas en maio de 1983. Ronsel de fabulador@s clave do cinema mundial a carón do príncipe das letras hispanas sen necesidade de seudónimo que é o Fausto céltico Ramón del Valle-Inclán. Figuras, xenialidades, facedor@s de aventuras inspiradas en oníricas accións, conxeturas e sensibilidades, protagonistas na nómina do éxito internacional.
É cousa ben coñecida a escasa, precaria se non nula formación das inmobiliarias, axencias e xestorías de comunidades nas humanidades como da orfandade polo bo gusto, urbanidade, incapacidade para dar valor ao que ten valor… Cando visiteses este conxunto, se tedes Unha mínima sensibilidade, sentiredes dor diante do deterioro das pinturas por filtracións de augas, pola falla de oportunidade na localización das papeleras e das cámaras de seguridade que as afectan, pola tolerancia dun uso tan agresivo como excesivo de lonas publicitarias que son absolutamente un despropósito.
Esta magnífica serie de pinturas e iconas artísticas contemporáneas reúne os méritos suficientes para que todas as autoridades, ou os colectivos culturais da cidade ou de defensa do patrimonio cultural de Galicia, promovan e resolvan a súa pronta protección legal e fixen as medidas que garantan a súa salvagarda.




