Todo ten o seu aquel e cando vén o tempo da vendima a xente traballa seguido e anda leda para
coller as uvas das videiras, para apañar o froito con incerteza, con apuro e con traballo. Uns
contratan a outros e todos traballan, desfrutan, cortan, carrexan, cobran, comen e dormen. Os
vendimadores van dun lugar a outro sen preocuparse pola distancia. Van cantando e volven
aturuxando, contentos polo traballo realizado e convencidos de que para o vindeiro ano hai que
repetir temporada.
Moitos son profesionais, son dos que lles gusta a froita e andan nela, na Galicia do viño, no Bierzo do
viño, das cereixas e do que se poida. Andan por Burdeos, pola Borgoña, por Champaña ou por
Provenza; achéganse á zona alemá do Rin, volven a Portugal do Douro e vendiman no Ribeiro de
Ourense, en Monterrei, na Ribeira Sacara, no Salnés, en Zamora, na Rioxa ou nas leiras de
Valdepeñas. Onde haxa traballo, hai xente para traballar, disposta para rematar a faena, andar de
festa e, se é o caso, volver para o ano que vén.
Cada lugar, ao rematar a vendima, ten a obriga de facer o albaroque, a corrobra, que debe durar un
par de días, con música, baile, viño vello e outras bebidas. Alí, nesa festa participarán todos os do
lugar e os que se achegan de fóra. Son festas para desfrutar e gastar algo do pouco recadado. Todos
os participantes poñen o seu maxín e toda a súa intención esperanzada na vindeira tempada.
Aquí, en Galicia, a vendima recórdana os vendimadores como un traballo colectivo e unha festa,
como un ritual amparado nas cores verdes, nos morados e dourados das vides e das uvas. Era o
remate satisfactorio dun esforzo enorme de todo o ano pasado. A culminación dun ciclo e o principio
do seguinte. A vendima é un traballo que evidencia a relación dos galegos do rural co medio
ambiente e coa terra, coa súa (e a nosa) terra.
Tamén é memoria. A vendima ampárase na tradición e no saber facer dos pasados, dos avós e dos
veciños maiores. É como un elo que une xeracións, mundos e culturas. É un traballo colectivo, de
cooperación e, efectivamente, en roga faise máis divertido e livián. Un traballo obrigado, saudable e
mal pagado. Coas vides en bancais, nas ladeiras dos ríos, a vendima, como di a Tía Manuela, “chega
sempre no seu tempo”.
“Mañá podería producirse unha nova tentativa de asalto a Ceuta e Melilla”. Antón Luaces
As autoridades españolas agoiran unha nova tentativa de asalto masivo á fronteira de Ceuta mañá, mércores, cadrando coas eleccións lexislativas en Marrocos. A embaixada española en Rabat xa avisou ao Goberno deste país desa posibilade -segundo explican medios...



