Ames homenaxea a Castelao con teatro, arte urbana, unha exposición e cinema

26 Setembro 2025

O Concello de Ames está inmerso na celebración do Ano Castelao. Este ano 2025 conmemorase o 75 aniversario do pasamento do escritor, debuxante e político rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Para isto, preparouse unha programación específica que comezou no mes de maio coa mostra dunha reprodución do cadro A derradeira leición do mestre.

Este mes de setembro representouse a obra Castelao de Culturactiva Producións e o vindeiro 7 de novembro representarase o espectáculo Os dous de sempre. O regreso, a cargo de Mofa e Befa.

Amais, dentro do ciclo Cine de Outono proxectarase o filme Antes de nós. A maiores, Fernando Yáñez, coñecido por ilustrar os murais solidarios da fundación Art for Dent, realizou unha intervención artística urbana ao aire libre, na que empregou como soporte as caixas de luz de dúas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, para pintar a imaxe de Castelao.

A exposición e a obra

Durante 2025 estase celebrando o Ano Castelao polo 75 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, o Concello de Ames tamén se sumou a dita homenaxe cunha programación de actividades específica que comezou no pasado mes de maio coa exposición dunha reprodución do cadro A derradeira leición do mestre nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. O cadro estivo exposto na Casa da Cultura do Milladoiro do 22 ao 30 de abril; e logo na Casa da Cultura de Bertamiráns ata o 9 de maio. A programación continuou neste mes de setembro coa representación o venres 19 da obra Castelao de Culturactiva Producións.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “o 2025 está dedicado a Castelao e o Concello de Ames tamén se sumou a dita conmemoración, co cal estamos realizando distintas actividades. Comezamos coa exposición nas casas da cultura da reprodución do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre”.

Intervención de arte urbana a cargo de Fernando Yáñez
Unha das actividades incluídas na programación do Ano Castelao é a intervención artística nas rúas de Ames que realizou o artista Fernando Yáñez, coñecido por ilustrar os murais solidarios da fundación Art for Dent. Deste volta, o artista realizou unha intervención artística urbana ao aire libre, na que empregou como soporte as caixas de luz de dúas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, para pintar a imaxe de Castelao. O principal obxectivo desta iniciativa é xerar impacto, proximidade e visibilidade entre toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo concello de Ames.

A intervención realizouse en dúas caixas da luz do espazo público urbano. Unha delas está en Bertamiráns, na rúa Poeta da Maía, e outra no Milladoiro, na rúa Madalena con Xaquín Lorenzo. Segundo explica Fernado Yáñez “trátase de darlle continuidade á intervención artística urbana que se fixo no pasado mes de febreiro con motivo do Día de Rosalía de Castro. Neste caso exálzase a figura de Castelao”.

Fernando Yáñez di que “se elixiu unha das imaxes máis coñecidas e representativas de Castelao e emprégase a cor azul porque implica identidade galega. Na caixa do Milladoiro ademais da imaxe púxose a cita: O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos, de Sempre en Galiza (1944)”. Por outra banda, destacou que “a tipografía elixida da palabra Castelao, parte dun tipo de letra recollido nas igrexas galegas pero sobre todo no Pórtico da Gloria, que foi adaptada polo propio Castelao”. 

Mofa e Befa: Os dous de sempre. O Regreso
O 31 de outubro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, Mofa e Befa representan o espectáculo Os dous de sempre. O Regreso. Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. A teatralidade do Porco de Pé de Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, fixeron as delicias do público asistente ás mais de 120 funcións por toda a xeografía galega. Agora tocoulle a vez a Castelao. Moita xente, cando escoita a expresión “Os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa.

Proxección do filme Antes de nós
Ademais, dentro do ciclo Cine de Outono vaise proxectar o filme Antes de nós, que conta coa dirección de Ángeles Huerta e guión de Pepe Coira. Proxectarase o venres, 7 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O filme, que se estreou o 21 de maio, está protagonizado por Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo e Xoel Fernández. A película conta parte da vida de Castelao, que estudou medicina e, aínda que non exercía, nas súas propias palabras, “por amor á humanidade”, pasou á historia como escritor, pintor, debuxante e político.

O filme narra a historia dunha parella, dous momentos. Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entrelazadas. 1918, Castelao deixa o seu posto de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia. En 1929, a parella percorreu Bretaña uns meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os unirá para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia ante a Xeración Nós. Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...