“Ter que velo para crelo”. Que despois de décadas de peaxes abusivas, prórrogas
sospeitosas e silencios ben retribuídos, o Goberno se levanta unha mañá e di: “a AP-9 vai
cara á gratuidade”. Xusto 24 horas antes de que a Comisión Europea os leve ó banquiño da
Unión Europea. Mira ti que casualidade.
É o que en Galicia chamamos un milagre de última hora. Como quen chega á misa co
padrenoso xa empezado pero pretende saír da igrexa coas bendicións todas. Aquí a única
hostia que nos levan dando é nas cabinas de peaxe. Iso si, con sorriso institucional e
declaracións cargadas de falsa emoción patriótica.
Non é que o Estado quixera liberar a autoestrada, non. É que Europa dixo que ou amañades
isto ou vos cae unha sentenza que vos vai poñer cornos ata en Madrid. Entón, como quen
tapa unha goteira cun pano vello, saen os ministros a dicir que “estamos traballando niso”.
Agora. Despois de 23 anos de prórroga concedida con nocturnidade, sen transparencia e sen
un chisco de vergoña.
E velaí o outro milagre: o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, facendo ver que esixe a
gratuidade da AP-9. Coma se non soubese quen asinou aquilo no ano 2000. Como se o PP
non fose o pai, a nai e o notario da prórroga. Como se estes vinte anos de goberno popular
en Galicia fosen un accidente administrativo.
Pero claro, agora que vén Europa coa vara, todos botan man do abrigo de “defensores de
Galicia”. E os mesmos que calaron mentres Audasa facía caixa, érguense como valentes
cruzados da autoestrada libre. Un pouco tarde, non si?
A AP-9 é a metáfora perfecta de como se trata a Galicia: unha terra que se espreme, que
paga, que cala, e á que se lle prometen cousas só cando hai que dar explicacións fóra.
Dentro, a cousa é outra: todo vai ben mentres os cartos entren e a xente non proteste moito.
E se protesta, pois bótaselle a culpa a Madrid, ou a Santiago, segundo quen mande esa
semana.
Dicir que a AP-9 vai cara á gratuidade é como dicir que vai cara ao mar: si, pode ser, pero
vai dando voltas, perde tempo polos camiños, e só acelera cando ve que se afoga.
A ver se agora, con sorte, nos deixan de cobrar por circular pola nosa propia terra. Ou como
mínimo, que non nos tomen por parvos mentres o fan.
José Luis Calo – Coordinador de UCIN Galicia.




