Unha delegación da comunidade educativa do CEIP O Grupo de Ribeira, formada por María José Cañestro (representante da ANPA Santa Uxía), unha nai de 3ºB en representación das familias da aula e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, desprazouse este xoves ao Parlamento de Galicia para facer visible o seu malestar pola situación vivida neste inicio de curso. A súa presenza na tribuna de convidados coincidiu coa comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, á que acudiron para reclamar a inmediata cobertura da praza de titoría de 3ºB de Primaria, vacante desde comezos de curso.

As representantes amosaron a súa decepción e frustración tras a intervención do conselleiro, ao que acusan de limitarse a facer “un monólogo de propaganda política”, con cifras e datos que, din, “esquecen que falamos de persoas, de 23 nenos e nenas de 7 e 8 anos que seguen sen titor ou titora no seu curso”.
Desde a ANPA denuncian que a Consellería de Educación non só non atendeu as súas demandas, senón que ignorou os tres escritos presentados desde o 8 de setembro, tanto dirixidos á inspección educativa como ao propio conselleiro. A única resposta institucional recibida foi a visita da inspectora o día 10, quen, segundo a ANPA, non quixo manter reunións coas familias nin co presidente da asociación de nais e pais, limitándose a exercer presión sobre o equipo directivo do centro.
A comunidade educativa acusa á administración autonómica de utilizar esta situación como un “pulso” innecesario, cando, segundo denuncian, a solución é tan sinxela como nomear un substituto desde as listas de interinidade, tal e como estipula a normativa. “Non queremos conflitos, queremos solucións”, insisten.
Durante o debate parlamentario, os grupos do PSdeG e do BNG agradeceron publicamente a presenza da delegación de Ribeira e fixeron mención expresa ás súas reivindicacións. Pola contra, critican que desde o PP non houbo ningún xesto de recoñecemento e mesmo se lles acusou de actuar por motivos partidistas. “Non temos pegatinas nin bandeiras. Só defendemos os dereitos das nosas fillas e fillos”, aseguran desde a ANPA.
Ante a falta de respostas e solucións, a comunidade educativa do CEIP O Grupo manterá as protestas iniciadas hai tres semanas, incluíndo concentracións semanais, recollida de sinaturas, e unha nova mobilización durante o Pleno Municipal do próximo luns 29 de setembro, ao que fan un chamamento a toda a cidadanía ribeirense para “encher o salón de actos e facerse oír”.




