UCIN Boiro emitiu un comunicado no que cualifica de “caos” a situación xerada polo cambio de direccións e a implantación de sentido único en Cabo de Cruz. Foi, di a agrupación, “unha medida improvisada, innecesaria e sen respaldo veciñal que está a provocar graves problemas de mobilidade e seguridade”. Comenta UCIN que “a situación afecta de forma especial a vehículos de gran tamaño, como os camións de recollida de lixo, que en repetidas ocasións tiveron dificultades para acceder a determinadas rúas”. Tamén comunican que “nun dos incidentes máis recentes, un camión chegou mesmo a golpear varios retrovisores debido á estreiteza causada polo aparcamento a ambos os dous lados e a imposición do novo sentido único”. Para UCIN, “o que antes funcionaba sen problemas alterouse sen planificación nin consulta. Agora temos rúas máis estreitas, veciños indignados e os mesmos problemas de sempre co firme cheo de fochancas”.

A formación cualifica a medida como “un exemplo da desconexión do Goberno local coas necesidades reais dos veciños, priorizando actuacións cosméticas como pintar novos sinais mentres se segue ignorando o mal estado do firme, as fochancas e a falta de mantemento das rúas. O lóxico é arranxar primeiro as rúas e despois pintar. Aquí fíxose xusto ao revés: rúas esnaquizadas e sinais recentemente pintados que só xeran máis problemas”, critican desde UCIN Boiro, que reclaman ao Concello que “rectifique de contado, escoite aos veciños e enfoque os recursos no verdadeiramente urxente: garantir a seguridade viaria, reparar o firme e mellorar a accesibilidade das rúas de Cabo de Cruz”.




