Pablo Cabello e Óscar Romero, campións absolutos da Copa de España de Vaurien en Vilagarcía

31 Agosto 2025

Juan Caballero (textos e imaxe). Non houbo cambios na xeral e os vigueses Pablo Cabello e Óscar Romero convertéronse este domingo 31 de agosto nos novos campións da Copa de España de Vaurien, proba que organizou a Real Federación Galega de Vela (RFGV) na ría de Arousa coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Aínda que Eolo fíxose esperar algo máis de media hora, o Comité de Regatas puido cumprir de novo co programa previsto para os 30 equipos participantes, que sumaron finalmente nos seus marcadores o total de nove mangas.

Pasadas as 11.45 horas, e cun vento do suroeste duns 8-9 nós de intensidade, a frota escoitou a saída para a primeira proba do día. Os xuvenís Sissel Acasuso e Jorge Campos (RCM do Abra RSC / RCM Santander) volveron demostrar o seu potencial levándose unha traballada vitoria, resultado que lles permitiu consolidar a súa posición no podio da regata.

Os outros dous triunfos parciais do día foron para Nacho Campos e Yolanda Bastos na segunda proba, e para Pablo Cabello e Óscar Romero (RCN Vigo) na terceira e última do campionato.

Con este último triunfo, Cabelo e Romero pecharon a súa participación con catro primeiros postos, tres segundos, un terceiro e un cuarto nas nove probas disputadas. Uns resultados brillantes que os converten en vencedores indiscutibles da Copa de España da clase.

“Foi unha Copa de España súper disputada e foron uns días moi emocionantes. Competimos todos moi duro, porque en apenas uns metros estabamos os seis ou sete primeiros, así que o gozamos moito”, comentou Cabello tras finalizar a xornada.

Por detrás, con tres terceiros postos anotados hoxe, o segundo posto definitivo foi para Pedro Fernández e Carolina Iglesias (RCN Rodeira), mentres que terceiros foron Acasuso e Campos.

Nas divisións xuvenil e feminina tampouco houbo cambios con respecto á xornada do sábado. Acasuso e Campos, ademais de lograr o terceiro posto na xeral, proclamáronse campións xuvenís cunha cómoda vantaxe sobre os segundos clasificados, Paco Riveras e Roque González-Llanos (RCN Vigo), que, sendo dos máis novos da frota, tamén brillaron cun sétimo posto na xeral absoluta. O terceiro posto xuvenil foi para Ramón Rey e Mencía García, tamén do RCN Vigo.

Entre as mulleres, tras a remontada do sábado, Iria Carballo e Ana Costas (RCN Vigo / RCN Rodeira) impuxéronse por diante de Paula González e Iida Suoniemi (CVF As Pontes / C. Grupo Bazán) e de Jimena e Alba Abril (CVF As Pontes).

A entrega de trofeos, que se celebrou nas instalacións do Centro Galego de Vela ás 17.00 horas, foi a encargada de poñer o broche final e contou coa asistencia de Manuel Villaverde, presidente da RFGV; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Blanca García Señoráns, directora territorial da Consellería de Xustiza, Presidencia e Deportes; Elena Suárez, directora territorial da Consellería do Mar; Nacho Campos, presidente do comité de vela lixeira da RFGV; e Nacho Campos Méndez, presidente da asociación nacional da clase.

As próximas grandes citas que se disputarán no Centro Galego de Vela baixo a organización da RFGV serán a Regata da Muller – Campionato Ibérico cos Elliott 6m, do 19 ao 21 de setembro, e a Copa de España de ILCA 6, entre o 9 e o 12 de outubro.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.