Estes mércores pola tarde os bombeiros do Barbanza tiveron que intervir en Rianxo para sufocar un conato de incendio forestal no lugar das Pedriñas (Taragoña, concello de Rianxo). A rápida actuación dos A D C Bombeiros Boiro e dos propios veciños, así como dos efectivos de Medio Rural, foi fundamental para atallar o lume axiña, segundo confirmou o alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, quen aproveitou para pedir a máxima precaución nos noso montes dado o risco extremo de lumes forestais que sufrimos neste arrinque do mes de agosto.

Lembrar tamén que a Policía Local de Rianxo está a realizar nestes días intensas tarefas de vixilancia en prevención de incendios forestais nos montes do concello e do Barbanza. Lembran os axentes que o risco de lumes é “extremo”, dadas as condicións meteorolóxicas existentes, realizando patrullas por pistas que discorren polos montes do concello. Estas actuacións, indican os axentes, encádrase nun operativo de vixilancia no que participan outros corpos e forzas de seguridade, ademais do persoal que realiza labores de extinción dos incendios.
A Policía Local lembra a cidadanía a necesidade de extremar a precaución e que estes días, até novo aviso, están prohibidas todas as queimas agrícolas e forestais, así como tamén outro tipo de actividades ou accións que poden ser perigosas. Apelan tamén á colaboración cidadá: no caso de vermos condutas sospeitosas no monte, cómpre denuncialas aos corpos e forzas de seguridade.



