Os días pasados o alumnado de Carpintería do Obradoiro de Emprego Tahume, edición X, encargouse da reparación do peche de madeira do parque infantil da Casa da Cultura de Caamaño, que se atopaba deteriorado polo paso o tempo e a intemperie. Como lembraremos, Tahume é unha iniciativa dos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar o inserción laboral na contorna destes municipios do Barbanza. Inclúe nesta edición as especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e Moble.

Este obradoiro laboral é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.



