Novas incorporacións ao Dicionario da RAG: alfombreiro, auguista e lubre

01 Agosto 2025

As voces Alfombreiro, -a, auguista e lubre xa poden consultarse no Dicionario da Real Academia Galega. O Seminario de Lexicografía acaba de incorporar a esta ferramenta en liña estas tres palabras, logo de valorar senllos pedimentos da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o Concello de Mondariz Balneario e mais o grupo musical Luar na Lubre e Navia Franco Barreiro. O director do Dicionario, Manuel González, agradécelles a todas as partes “o interese manifestado para manter actualizada esta ferramenta en liña, obra fundamental para o estudo e coñecemento da nosa lingua”, sinalou.

Alfombreiros/as de Ponteareas nunha imaxe de MIguel A. García Correa

Alfombreiro, -a entra no Dicionario cunha primeira acepción xeral referida a calquera persoa que fai, amaña ou vende alfombras e incorpora unha segunda que designa a quen “confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas”. O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas, onde veciños e veciñas deseñan e danlle forma a máis dun quilómetro de alfombras que engalana o domingo de Corpus as rúas e prazas desta localidade do sur de Pontevedra.

Tamén desde a comarca do Condado chegou ao Seminario de Lexicografía a proposta de incorporar ao Dicionario a voz auguista, que identifica a “persoa que toma as augas ou os baños medicinais nun balneario”. O pedimento formalizouno o Concello de Mondariz Balneario, gran vila termal na Europa de comezos do século XX e que segue a ser hoxe en día un foco fundamental do termalismo en Galicia. A localidade garda ademais unha estreita relación coa historia do galeguismo.

O Bosque das Almas Mortes de Camilo Díaz Baliño

Canto a lubre, o Dicionario define esta voz como “bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”. A palabra foi recollida con anterioridade en diversos dicionarios históricos como o do académico Leandro Carré Alvarellos (1888-1976) e o de Eladio Rodríguez (1864-1949), que chegou a ser presidente da institución. Tamén a incorporou ao seu popularísimo Diccionario galego-castelán o académico de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020) a partir da súa segunda edición, saída do prelo en 1972 con máis de 42.000 voces, 5.000 máis ca na primeira, publicada catro anos antes. O Seminario de Lexicografía decidiu que lubre figure tamén no Dicionario en liña da RAG tras valorar o pedimento realizado polo líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romero, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande. 

Outros artigos

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.