O proxecto LIFE REFISH, iniciativa enmarcada dentro do programa LIFE 2021-2027 chega ao seu fin e como colofón do mesmo, as empresas JEALSA e Valora, organizan este xoves día 28, no Centro Tecnolóxico JEALSA (Boiro), unha xornada de peche e portas abertas na que está previsto que se presenten os resultados e se comparta cos asistentes unha interesante reflexión sobre a innovación tecnolóxica no sector do mar.

Programa da xornada
11.00 Recepción e benvida
Salvador Durán. Director de I+D+i de JEALSA Foods.
David Cabanelas. Director Valora Marine Ingredients.
11.30 Presentación de resultados do proxecto
Miguel E. Rodríguez. Catedrático Economía Aplicada Universidade de Vigo.
Paula Souto. Coordinadora I+D+i de JEALSA Foods.
David Cabanelas. Director Valora Marine Ingredients.
12.15 Pausa para café
12.30 Visitas guiadas ás instalacións por grupos · Valora e JEALSA
13.00 Mesa Redonda: Innovación biotecnolóxica no sector do mar
Paula Martínez. Directora de Proxectos Estratéxicos de Substrate AI.
Laura Lorenzo. Xestor Proxectos de Innovación en CEAMSA.
Xosé Antón Vázquez. Investigador Científico e Líder do grupo REVAL no IIM-CSIC.
Moderadora: Gemma del Caño. Directora de Calidade JEALSA Foods.
14.00 Peche evento
14.30 Clausura e degustación de produtos · Restaurante Chicolino
16.30 Fin de xornada
O proxecto
LIFE REFISH pretende crear a primeira biorrefinería de demostración para materias primas de peixe e marisco que, mediante a aplicación da tecnoloxía máis avanzada, permita a valorización destes recursos pesqueiros e marisqueiros, actualmente infrautilizados, en produtos de alto valor engadido con gran potencial de mercado.
O consorcio do proxecto LIFE REFISH une por primeira vez a actores internacionais clave das industrias pesqueira e acuícola (JEALSA, Pescanova, Stolt, OPROMAR, expertos no desenvolvemento de ingredientes funcionais (Valora) e unha institución de investigación líder no eido dos recursos mariños e a valorización de residuos alimentarios (CSIC). Xuntos, os socios de LIFE REFISH porán en marcha unha solución innovadora capaz de crear valor adicional a partir de descartes desembarcados resultantes da aplicación da LO e dos subprodutos do procesado de peixe e marisco.



