Unha muller faleceu na mañá deste venres no centro de Santiago de Compostela tras ser atropelada polo tren turístico na rúa Virxe da Cerca. O Concello confirmou o deceso e sinalou que “aínda é pronto para coñecer as circunstancias do sinistro”.
O accidente produciuse nas inmediacións dun paso de peóns, cando a vítima, que camiñaba con dúas muletas, tentaba cruzar a rúa. Segundo os primeiros testemuños, o vehículo non tivo marxe suficiente para frear e terminou arroiándoa.
Unha moza que esperaba o autobús na zona asegurou a Diario de Santiago que a muller cruzou fóra do paso de peóns. “Era unha señora maior, con dúas muletas, estaba un pouco fóra do cruzamento e meteuse na calzada e ou tren non a viu e non lle deu tempo a frear”, relatou.
Efectivos dos Bombeiros de Santiago traballan para levantar o tren e recuperar o corpo. Ao lugar do sinistro desprazáronse dúas ambulancias, axentes da Policía Local e autoridades como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Mobilidade, Xan Duro.
O tráfico permanece cortado en toda a rúa Virxe da Cerca e na praza de Galicia, afectando tanto a vehículos particulares como a autobuses e peóns.




