
Curtas Festival do Imaxinario, o festival de cinema fantástico e de terror de Galicia, con sede en Vilagarcía, presentou un novo proxecto xurdido do seu seo: Galicia Imaxinaria, unha iniciativa que busca levar o talento audiovisual fantástico galego a outros países. Farao fomentando o intercambio cultural entre festivais internacionais nun acordo “sen precedentes” (en palabras da organización), e achegando diferentes perspectivas e formas de entender o fantástico aos seus públicos. “Galicia Imaxinaria é un relato visual da aprendizaxe, evolución e crecemento nos últimos anos do cinema fantástico galego en formato breve, para conectar Galicia co mundo, e o mundo con Galicia, a través do xénero”, sinalan.
Engaden que “o xénero fantástico sempre foi unha gran ferramenta narrativa para explorar temas profundos e complexos”, e “a través de mundos imaxinarios, criaturas imposíbeis e narrativas que desafian a lóxica, o xénero permitiu, desde os seus inicios, reflexionar e abordar as preguntas e preocupacións máis apremiantes do noso tempo e albiscar a nosa realidade con maior claridade”.
Con Galicia Imaxinaria a organización presenta unha escolma de curtametraxes, que resultaron premiadas en pasadas edicións do Festival e que ofrecen un gran abano dos diferentes estilos, temas e sensibilidade presentes no fantástico galego recente.
Sete son as curtametraxes seleccionadas para esta primeira edición de “GALICIA IMAXINARIA”:
Compañeiros (2022), de Fernando Tato
In Half (2024), de Jorge Morales.
Mare (2020), de Guille Vázquez
O que queda de nós (2021), de Miguel G. Abad
Sombra do mar (2021), de Sergio Pereda
Teratoma (2021), de Jano Pita
Xogo de nenos (2023), de Miguel R. Berride
Galicia Imaxinaria xa ten confirmada a súa proxección nos próximos meses en Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal. P
Sobre o Festival do Imaxinario
Curtas Festival do Imaxinario é un festival de cinema fantástico e de terror que se celebra anualmente en Vilagarcía de Arousa, e foi elixido como un dos 90 mellores festivais de xénero do mundo por Dread Central, o medio líder no xénero de terror. Con máis de 50 anos de historia, é o festival de cinema decano de Galicia e a maior celebración do xénero no noroeste peninsular. “O seu recoñecemento internacional e o seu compromiso coa promoción do cinema fantástico e de terror convérteno nun evento clave para os amantes do xénero”, informou a organización.
A 53ª edición de Curtas Festival do Imaxinario celebrarase en Vilagarcía de Arousa do 24 de outubro ao 2 de novembro de 2025. Ademais das proxeccións, o festival contará con exposicións, encontros, presentacións, talleres e concertos, entre outras actividades paralelas. Todo con estrada gratuíta.
Curtas Festival do Imaxinario conta co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. E co patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.




