
En Cabo de Cruz están a ultimar os detalles para a celebración da XVII Exaltación do Mexillón, unha destadada cita gastronómica e cultural que se desenvolve os días 15, 16 e 17 de agosto, organizada pola Asociación da Exaltación do Mexillón en colaboración co Concello de Boiro.
A programación comezará o venres 15 cunha charla sobre o Proxecto Apromex, impartida por Elsa García, e un showcooking a cargo do recoñecido cociñeiro Miguel Mosteiro ás 21:15 h.
O sábado 16 abrirase ás 12:00 h coa proxección da curtametraxe Evolución do sector bateeiro, seguida dunha charla titulada O sector do mexillón: dato mata relato por Miguel Ríos. A xornada incluirá tamén sesión vermú con D’Crooners Band, degustacións de tapas, inchábeis para os máis pequenos e unha nova demostración gastronómica ás 20:30 h, nesta ocasión da man de Lucía Freitas, ademais de paella e mexillóns ao vapor, amenizado polo grupo Virtual Projects.
O domingo 17 será o día grande, coincidindo coas regatas da Liga Galega de Traiñas no peirao de Cabo de Cruz. Terá lugar o acto oficial de inauguración da exaltación cun menú degustación de catro elaboracións con mexillón a prezos populares, acompañado da actuación do grupo O Ar de Loureda.
Desde a organización agárdase a venda de entre 5.000 e 6.000 racións ao longo da fin de semana. Ademais, o Concello ofrecerá 1.000 quilos de mexillón aos locais de hostalaría que desexen participar, para que poidan crear as súas propias tapas a base deste produto durante toda a semana.
“Esta XVII edición consolida a exaltación como unha das citas gastronómicas máis importantes da comarca, combinando promoción do produto local, actividades culturais e diversión para todos os públicos nun marco incomparábel como é Cabo de Cruz”, informaron as entidades organizadoras.



