Autorizada pola Xunta a primeira fase da nova planta de Stolt Sea Farm en Rianxo que creará 100 postos de traballo

04 Agosto 2025

O Consello da Xunta autorizou hoxe o inicio das obras da primeira fase da nova planta de adaptación para a primeira venda e envasado de peixe plano (rodaballo e linguado) que Stolt Sea Farm construirá no polígono industrial de Rianxo. O proxecto, que conta coa declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), suporá un investimento de 44,8 millóns de euros e a creación de 100 postos de traballo directos, que ascenderán a 173 coa posta en marcha da segunda fase.

As obras comezarán nas próximas semanas e permitirán ampliar a capacidade de procesado e envasado da empresa, actualmente centralizada na planta de Lira (Carnota). A nova infraestrutura, que ocupará máis de 21.200 m², facilitará a automatización do procesado de peixe fresco procedente das súas granxas, incrementando a valorización dos produtos acuícolas e axustándose mellor ás esixencias do mercado.

A planta contará con tecnoloxía de última xeración e altos estándares de eficiencia enerxética e produtiva. Ademais, incluirá unha unidade de I+D+i orientada a fortalecer a colaboración con centros tecnolóxicos e axentes da investigación, co obxectivo de desenvolver novos formatos de comercialización e implantar un modelo de integración vertical coas demais plantas da compañía.

Stolt Sea Farm, empresa fundada en Noruega en 1972, é líder mundial na acuicultura terrestre de alta tecnoloxía e principal provedora de rodaballo e linguado. Exporta preto do 60 % da súa produción, con capacidade para 6.500 toneladas anuais de rodaballo e 1.700 de linguado. A metade das súas 14 granxas están en Galicia, en municipios como Camariñas, Lugo, Ribeira, Carnota e Muxía, empregando a 450 persoas na comunidade.

Este é o segundo Proxecto Industrial Estratéxico aprobado de forma definitiva pola Xunta dos 16 declarados ata o momento, tras a recente luz verde á ampliación da planta de Urovesa en Valga.

Os 16 proxectos industriais estratéxicos impulsados polo Goberno galego supoñen unha mobilización de arredor de 2.500 millóns de euros e máis de 4.500 empregos. Entre eles destacan iniciativas como a planta de hidróxeno verde nas Pontes, a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, a planta de metanol verde de Forestal del Atlántico en Mugardos ou a factoría de produtos do mar conxelados de Congalsa na Pobra do Caramiñal.

A Xunta tramitará todos estes proxectos de forma conxunta, prioritaria e urxente, a través da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de reforzar o tecido industrial galego e promover un desenvolvemento sustentable e xerador de emprego.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.