A organización da Mostra Mares Da Fin do Mundo, festival de cinema documental celebrado na súa anterior edición en Ribeira (e previamente en Outes) emitiu un comunicado no que cuestiona a postura do grupo PBBI de Ribeira, no Goberno local en coalición co BNG e co PSOE, polas críticas emitidas en relación ao desenvolvemento do festival en Santa Uxía, as supostas irregularidades e a suposta falta de retorno de investimento, críticas que derivaron na petición dun pleno extraordinario coa única intención de eliminar das axudas nominativas a correspondente á Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa que está previsto organizar a VIII Mostra MDFDM 2025 entre os días 5 e 9 de novembro.

O comunicado da dirección do evento comparte os seguintes puntos.
Dúbidas sobre a rendibilidade económica para o Concello de Ribeira da celebración de MDFDM
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares Da Fin Do Mundo é un evento cultural e cinematográfico que se celebrou por primeira vez no Concello de Ribeira o ano pasado. A Mostra MDFDM é membro da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema PROXECTA, así como asinante do Pacto pola Cultura Sustentable. Logo de seis (6) edicións consecutivas, este evento único tivo lugar en Ribeira en datas de baixo impacto turístico, contribuíndo de xeito destacable á mellora cuantitativa e cualitativa da oferta cultural, así como á desestacionalización das actividades culturais deste Concello. A VII edición tivo lugar do 1 ao 5 de novembro de 2024. O evento conseguiu nestas datas o seguinte impacto presencial:
Asistencia ao programa cinematográfico — 807 espectadores
Asistencia ás actividades paralelas — 235 asistentes
Total — 1.042 persoas participantes presenciais
Ademais, o evento obtivo as seguintes cifras no impacto dixital:
RRSS Visualizacións Alcance / Tempo de visualización Seguidores
Facebook 82,9 mil 24,8 mil + 116 (Total: 744)
Instagram 106,3 mil 20,6 mil + 279 (Total: 1.110)
YouTube 1,2 mil 25,3 horas + 10 (Total: 35)
Respecto do impacto en medios de comunicación, o total de aparicións en prensa, radio e televisión dende o anuncio da VII edición foi de 49 aparicións en 21 medios informativos diferentes.
Ademais, o VPE (Valor Publicitario Equivalente) aproximado destas publicacións achégase en valor de mercado aos 30.000 €.
Por outra banda, nestes criterios de rendibilidade e beneficio da VII Mostra MDFDM 2024, deberían contemplarse as seguintes cifras:
Total películas: 28
Longametraxes: 5
Curtametraxes: 23
Dirixidas por mulleres: 12
Países presentados: 20
Linguas subtituladas ao galego: 13
Equipo da mostra: 15
Participantes externos: 25
Convidados: 15
Países representados: 5
No comunicado pregan “que se teñan en conta estas cifras de impacto e programación, así como as datas de celebración do evento e a cantidade da axuda concedida para o mesmo, á hora de realizar comparacións reais e xustas con outras subvencións nominativas do mesmo Concello. Todo isto tamén co fin de poder avaliar tanto a rendibilidade como o beneficio da Mostra MDFDM para o Concello de Ribeira, razóns polas que a Asociación entende que estes aspectos resultaron moi positivos para o municipio”.
Respecto das dúbidas sobre a honorabilidade da organización, sinalan: “A Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, organizadora da VII Mostra MDFDM no Concello de Ribeira no pasado ano 2024, é unha entidade sen ánimo de lucro; polo tanto, non persegue obter beneficios económicos, aínda que desenvolve actividade económica para cumprir cos seus fins e obxectivos. Por este motivo, está capacitada para contratar profesionais independentes e empresas que prestan e cobran polos servizos realizados. A devandita Asociación está ao corrente de todos os impostos e obrigas fiscais que lle son esixíbeis polas distintas administracións. En canto á xustificación económica do convenio para a VII Mostra MDFDM 2024, a Asociación recibiu, en data do 13 de marzo de 2025, comunicación por parte do Secretario Xeral do Concello de Ribeira e da Xunta de Goberno Local, da aceptación e conformidade da xustificación, tanto por parte da Intervención municipal como da Concelleira Delegada de Cultura, por un valor de 38.000,00 euros, pagados e xustificados mediante gastos acreditados, cada un deles co seu correspondente comprobante de pagamento. Polo tanto, toda a tramitación atópase perfectamente realizada dentro dos parámetros administrativos establecidos, razóns polas cales rexeitamos calquera dúbida sobre a honorabilidade da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, así como das súas persoas asociadas, sexan estas ou non integrantes da súa Xunta Directiva”.
No que atinxe á figura do seu presidente, Marcos Gallego Fernández, engádese que “estamos ante un profesional independente con máis de trinta anos de experiencia no sector audiovisual de Galicia. Ademais, é o director da Mostra MDFDM dende a súa primeira edición no ano 2018. Dende entón, percibe pagos polos servizos que realiza para a celebración anual da Mostra. A este respecto, cómpre matizar que a factura cobrada por este profesional, relativa aos servizos de dirección, produción e programación (que se encontra dentro dos prezos habituais de mercado), en ningún caso foi imputada dentro da xustificación económica realizada para a VII Mostra MDFDM, como é perfectamente comprobábel no documento Memoria Xustificativa, presentado por sede electrónica en data do 4 de marzo de 2025. En calquera caso, o seu labor non pode ser obxecto de ningunha tacha en canto á súa honorabilidade, posto que, tanto na solicitude de axuda á Deputación da Coruña, que se vén tramitando desde a primeira edición da Mostra, como no propio Concello de Ribeira, é perfectamente posible solicitar permisos para a execución do obxecto do convenio por parte de persoas vinculadas á entidade”.
Dereitos de marca
“Trátase dunha das partidas que se computan tanto no orzamento como no custo da realización de festivais ou eventos de titularidade privada. A este respecto, cómpre matizar que a factura pola cesión de dereitos da marca Mostra MDFDM está dentro dos prezos habituais de mercado e, en ningún caso, foi imputada na xustificación económica realizada, como é perfectamente comprobable no documento Memoria Xustificativa , presentado por sede electrónica en data do 4 de marzo de 2025”.
Facturación do programador e domicilio da Asociación
No comunicado engádese que “o domicilio da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo foi cambiado e rexistrado provisionalmente no ano 2024 no Concello de Ribeira, concretamente no domicilio dunha persoa vinculada á asociación e con residencia en Palmeira, coa única finalidade de atender de maneira áxil e rápida as novas relacións co Concello de Ribeira durante o procedemento de solicitude do convenio para a celebración da pasada VII Mostra MDFDM. Esta persoa é un profesional independente, encargado da programación e da produción para a realización anual da Mostra, polo que factura e cobra polos seus servizos especializados, sen que isto poida supoñer ningunha tacha na súa honorabilidade”.
Custes de aloxamento e manutención
“Os pagos realizados por servizos de aloxamento e manutención en dous (2) establecementos de hostalaría e restauración do Concello de Ribeira ascenderon a 3.787,60 euros (IVE incluído), importes que repercutiron directamente nestes negocios locais e que representan o 21% do importe total do convenio”.
Navegación Tradicional
Explícase tamén que “unha das Actividades Paralelas que identifica a Mostra MDFDM é a navegación en embarcacións tradicionais. Trátase dunha actividade moi ben acollida polo público que acode á Mostra e que permite, entre outras finalidades, facilitar o coñecemento do entorno, tanto do medio mariño como das actividades pesqueiras e acuícolas sostibles no Concello de Ribeira, que constitúen o cerne da Mostra MDFDM. O custo do servizo de navegación de dúas embarcacións que se desprazaron a Ribeira desde outros portos (un deles, desde a ría de Muros e Noia), e que prestaron servizo durante tres (3) das cinco (5) xornadas da Mostra, foi de 2.210,00 euros (IVE incluído).
Comunicación e xestión de redes sociais
Explícase tamén que “o prezo da comunicación e da xestión das redes sociais durante a VII Mostra MDFDM 2024 non foi en ningún caso superior a 5.000 euros, senón que a profesional independente responsable deste servizo facturou e cobrou 2.077,60 euros (IVE incluído), como é perfectamente comprobable no documento Memoria Xustificativa, entregado por sede electrónica en data do 4 de marzo de 2025”.
Pago da cea de clausura
E engaden: “Confirmamos que en ningún caso a factura deste servizo aparece no documento Memoria Xustificativa, presentado por sede electrónica en data do 4 de marzo de 2025, e, polo tanto, non formou parte da xustificación económica realizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo. Sobre a situación de prexuízo respecto da organización da VIII Mostra MDFDM 2025 Ademais do anteriormente exposto, é preciso subliñar que a Asociación solicitou e recibiu o compromiso do Goberno do Concello de Ribeira para a celebración da VIII Mostra MDFDM 2025. Durante o primeiro semestre deste ano e ata a data, o equipo artístico e técnico da Mostra levou a cabo, entre outras, as seguintes tarefas de preparación da mesma: elaboración do programa da VIII Mostra MDFDM 2025, elaboración do orzamento da VIII Mostra MDFDM 2025 e solicitude das axudas a festivais da Depuración da Coruña e do Ministerio de Cultura — ICAA (ambas á espera das resolucións provisionais) para a VIII Mostra MDFDM 2025″.



