A exposición da Deputación “Sinaladas” chega a Ribeira para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

28 Agosto 2025

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, xunto con membros da Corporación Municipal, inauguraron na mañá deste 28 de agosto a mostra Sinaladas, que poderá visitarse ata o 9 de setembro na praza de Centenario de Santa Uxía.

“Desde a área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación mantemos o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas, así coma a das loitas colectivas da época”, destacou Sol Agra, engadindo que “esta é a historia de mulleres que, por non conformarse coas imposicións inxustas e por defender os seus dereitos e a xustiza social, foron perseguidas, reprimidas, asasinadas, quedando todas elas sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da historia, ou o que é aínda peor, foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento no Padroado da Muller”.

Sinaladas, dixo Agra, “é a contestación irreverente a esa condena inxusta, o rexistro da memoria oculta que as mulleres gardaron para transmitírnola como legado”. Agra salientou o compromiso da área de igualdade da Deputación “coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas; tanto mulleres senlleiras como María Casares, como outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o golpe de estado do 36”.

Pola súa banda Pérez Barral subliñou que esta exposición vai a permitir “homenaxear, reivindicar e tamén aprender sobre as mulleres ao longo da historia do século pasado”. Engadiu que no presente mes de agosto, durante o cal celébrase tamén o Día da Galiza Mártir, “é importante saber todo o que aconteceu durante a ditadura franquista para evitar caer en erros que se cometeron no pasado porque vemos que os dereitos que se conseguiron na democracia, non sempre están presentes”.

O rexedor contextualizou sobre a ultradereita, “que pretende retrotraernos a outros tempos pasados e como sociedade debemos avanzar en máis dereitos, en máis igualdade porque iso e o que nos vai a facer unha sociedade libre e democrática”. Manifestou a importancia da colaboración das administracións públicas neste tipo de cuestións para que a historia silenciada se incorpore ás escolas e que tamén saia á rúa e así visualizar a todas estas persoas que loitaron por unha vida mellor en democracia.

O alcalde engadiu que “temos que seguir dando pasos, non está todo conseguido e cómpre continuar traballando en colaboración con outras institucións para socializar o que aconteceu no pasado para evitar que se volva a repetir, e tamén para formar ás persoas máis mozas da nosa sociedade que poidan visitar esta exposición co fin de que se informen da realidade; que para ter as liberdades das que gozamos hoxe en día, houbo xente detrás sufrindo e loitando. Porque a historia non é neutra e foi deliberadamente silenciada e agochada como no caso que nos ocupa ”

O alcalde agradeceu á Deputación da Coruña polo traballo que está a facer no ámbito dos dereitos civís.

A exposición

Sinaladas é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.

Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, Sinaladas está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

Antes de conocer el mundo, lo leímos. Antes de caminarlo, ya habíamos recorrido sus sendas, descifrando la urdimbre, esa palabra hermosa que nace del latín ordiri para tramar o tejer nuestra propia existencia. Fuimos porque otros soñaron antes. Navegamos con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.