A Deputación da Coruña impulsa a transformación tecnolóxica de 302 pequenos negocios de municipios rurais

26 Agosto 2025

A Deputación da Coruña destina 2.758.778,28 euros ao impulso de 302 microempresas, pemes e persoas autónomas, a través da nova convocatoria das axudas PEL-Emprende Investimento 2025. A iniciativa, dirixida a empresas situadas en concellos de menos de 10.000 habitantes, busca modernizar e consolidar o tecido económico local mediante a adquisición de maquinaria, ferramentas informáticas, mobiliario e equipamentos que melloren os procesos de xestión e información.

A contía das axudas oscila entre os 2.450 e os 17.500 euros por beneficiario e poden cubrir ata o 70 % do investimento. Todos os elementos subvencionábeis deben ser novos e estar directamente vinculados á actividade empresarial, explícase nas bases.

“As axudas PEL son unha ferramenta clave para promover a innovación e competitividade das pequenas empresas dos municipios do rural. Esta liña, en concreto, permite ás persoas autónomas e pequenas empresas afrontar investimentos fundamentais para modernizar os seus negocios e mellorar a súa competitividade”, destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O 95 % das axudas foron concedidas a profesionais autónomos/as. Ademais, un 82 % das solicitudes concedidas pertencen a sectores estratéxicos, emerxentes ou de alto potencial para Galicia. Destacan especialmente as 124 actividades do ámbito agrícola, gandeiro, forestal e da pesca.

A Deputación salienta que o 100 % das empresas beneficiarias desta convocatoria non recibiron axudas en edicións anteriores, “reforzando así o noso compromiso coa diversificación do apoio ao emprendemento”.

As comarcas de Santiago e Ferrol concentran o maior volume de axudas con 107 e 79 concesións respectivamente, que suman máis do 60 % do orzamento total (1.066.350,02 € en Santiago e 598.162,51 € en Ferrol). Séguenas as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte (45 concesións e 360.446,79 €), Barbanza (34 concesións e 377.924,76 €) e A Coruña (37 concesións e 355.894,20 €).

Entre os concellos con máis empresas beneficiarias destacan As Pontes de García Rodríguez (17 axudas e 124.688,72 € concedidos), Mazaricos (16 axudas e 208.533,39 €), Dumbría e Touro (10 axudas concedidas en cada un dos concellos). En total, o 100 % das axudas repártense entre concellos de menos de 10.000 habitantes, dos cales máis do 46 % teñen menos de 4.000.

“A través do programa PEL, estamos a construír un modelo económico máis xusto e sostíbel, que apoia directamente ás persoas emprendedoras e reforza o papel das pequenas empresas como motor do desenvolvemento local”, sinalou a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

8.130 empregos creados ao abeiro do PEL

Facendo balance, a Deputación lembra que desde a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local “consolidouse como unha das principais políticas públicas da institución provincial no impulso ao emprego e ao desenvolvemento económico”. En total, máis de 8.130 postos de traballo foron creados nos sectores público e privado ao longo dos últimos oito anos, grazas a este modelo de colaboración coas entidades locais e o tecido produtivo.

A listaxe das axudas concedidas está dispoñíbel en formato PDF no BOP da Deputación.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.