
A campaña Boiro, Compras con Corazón, promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), chega á súa recta final cunha fin de semana chea de actividades que culminará o sábado 23 de agosto co gran sorteo dos 5.000 € en premios (5 bonos de 1.000 € para gastar no comercio local). A cita será ás 21:30 h na praza do Concello, nun evento pensado para toda a familia e que contará cunha posta en escena de primeiro nivel.
Segundo o presidente da ABE, Daniel García, “estamos ante a campaña con maior participación da nosa historia. A xente respondeu de forma masiva e iso demostra que cando se unen esforzos, comercio e cidadanía, o resultado é unha vila viva e dinámica. O verdadeiro éxito é ver as rúas cheas de xente e o comercio local convertido no protagonista”.
Programa do venres 22 de agosto
Praza do Concello de Boiro
11:00 – 14:00 h e 18:30 – 21:30 h: rexistro de tíckets de compra.
Agasallo de flocos de millo con Vale Corazón.
Actuacións público familiar e infantil:
-Pola mañá: Hipnótica: Las Embotelladoras de Sueños, espectáculo de clown e malabares (acceso libre).
-Pola tarde: concerto punkinfantil de Peter Punk e Brais das Horas, ás 20:30 h (acceso libre).
Programa do sábado 23 de agosto
Praza do Concello de Boiro
18:00 – 21:00 h: parque de inchábeis (varredora, touro mecánico e xogos de puntería), postos de flocos de millo e lambonadas e reparto de 500 abanicos exclusivos da campaña.
Actividades con convite Vale Corazón, dispoñibles cos tíckets de compra nos establecementos participantes e na haima da ABE.
20:30 h: degustación de hamburguesas de mexillón (con Vale Corazón).
21:00 h: amenización musical con Rapariga DJ.
21:30 h: gran sorteo final de 5.000 €, presentado por Mofa e Befa, con pantallas xigantes, sorteo de camisetas exclusivas e produción audiovisual profesional con vista aérea mediante dron.
Ao finalizar, continuará a festa coa música de Rapariga DJ.

Como participar no sorteo
Os clientes poden cambiar os tíckets das súas compras por rifas ata 30 minutos antes do inicio do sorteo. Cunha compra mínima de 10 € (ou sumando varios tíckets ata esa cantidade) xa é posíbel participar. Canto máis tíckets rexistren, máis opcións terán de gañar.
Este sábado 23 é o día perfecto para mercar en Boiro, pois ademais de participar no sorteo e gozar das actividades, moitos comercios están de rebaixas, ofrecendo grandes ocasións para as compras de verán.

Un escaparate para o comercio de Boiro
O presidente da ABE, Daniel García, anima a toda a veciñanza a vivir en primeira persoa o gran final da campaña: “O sábado queremos encher a praza do Concello de ilusión. Vai ser unha festa para todos, un escaparate colectivo no que se pon en valor a calidade e a forza do noso comercio. Mercar en Boiro non é só unha transacción: é construír comunidade, xerar emprego e apostar polo futuro da vila”.




