
A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), en colaboración coa Asociación Morreu o Demo —organizadora do festival Titiriberia—, únese á celebración do 25º aniversario da compañía Títeres Alakrán.
A iniciativa busca levar a arte aos escaparates da vila, dinamizando así o comercio local. Deste xeito, do 22 de xullo ao 18 de agosto dez establecementos asociados á ARE transformarán os seus escaparates en pequenas salas de exposición, abertas á rúa. Nelas, veciños e visitantes poderán admirar unha escolma de marionetas creadas polo artesán Borja Insua ao longo das últimas dúas décadas e media. Pezas de luva, de fío e doutros formatos amosarán a creatividade e o talento desta compañía galega de referencia.
O obxectivo da mostra é convidar á cidadanía a pasear polas rúas, descubrir a exposición e, ao mesmo tempo, apoiar os establecementos de proximidade.
Esta iniciativa conta co co-financiamento da Xunta de Galicia, o que permite ofrecer unha experiencia cultural e de lecer accesíbel a toda a poboación.
Á procura de Lupe”: un xogo para toda a familia
Ademais, a ARE informou da volta dun xogo-reto para cidadáns e visitantes, o desafío Á procura de Lupe, que consiste nun convite á procura dun tesouro polas rúas da vila. Teremos que localizar a simpática mascota do festival Titiriberia, completar a nosa folla de participación e entrar “no sorteo de agasallos incríbeis”, en palabras da ARE, que engade que o 21 de agosto sortearanse 3 premios para nenos e 3 para adultos. Os premios consistirán en lotes de agasallos con material do festival, como camisetas, e, no caso dos adultos, vales de compra para gastar no comercio local. O resultado do sorteo farase público a través da páxina web (www.are.gal) e as redes sociais da ARE.
Comercios participantes
Esta iniciativa é posíbel grazas á colaboración de: Don Dino, Cenor ROT, Óptica Rianxo, Nenis, Costuras para soñar, Irazi, Zapaterías Marty, Material de Construción e Ferraxería Luis Vidal, Perruquería Imperial e Estanco Xacobiño.
Un convite a participar
Desde a ARE animan a toda a cidadanía e visitantes “a participar nesta proposta que combina cultura, lecer e dinamización comercial”. Do 22 de xullo ao 18 de agosto, os escaparates de Rianxo estarán cheos de arte, xogo e premios.


