A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou este martes 12 de agosto, diante do Mercado Municipal, a campaña Boiro, Compras con Corazón, unha iniciativa recoñecida como unha das cinco mellores de Galicia no programa da Xunta O Teu Comercio Local é Extraordinario. A campaña celebrarase do 16 ao 23 de agosto, “cunha potente combinación de dinamización comercial, programación cultural e actividades para todos os públicos”, explicou a patronal.

Durante a presentación, o presidente da ABE, Daniel García, destacou que “esta é sen dúbida a campaña máis ambiciosa da nosa historia: unha aposta conxunta do tecido comercial local, a Xunta e o Concello para reivindicar que mercar no teu pobo é unha decisión que transforma. Unha semana para desfrutar, compartir e sentir o valor do comercio de proximidade”.
A campaña comezará o sábado 16 ás 13:00 horas cunha xornada inaugural diante do mercado municipal, que incluirá sesión vermú con Cachas & Cousins e unha degustación de tapas de mexillón elaboradas polo chef Miguel Mosteiro, grazas á colaboración coa Exaltación do Mexillón de Boiro (con convite Vale Corazón).
Pola tarde, ás 18:00, habilitarase un parque de inchábeis acuáticos na praza do Concello, pensado para os máis pequenos (con convite Vale Corazón).
Ademais, estará presente a haima da ABE, onde os 1.000 primeiros clientes que cambien os seus tíckets por rifas recibirán unha bolsa exclusiva da campaña, con deseño especial da ilustradora local Thais Forján, un agasallo único que simboliza o espírito creativo e participativo da iniciativa.
Actuacións diarias
Do luns 18 ao venres 22 de agosto, a campaña Boiro, Compras con Corazón continuará cunha programación diaria pensada para o desfrute de toda a familia. As rúas de Boiro converteranse nun gran escenario con espectáculos de primeiro nivel que mesturan humor, música, teatro de rúa e maxia.
Entre as actuacións destacan: Antuán de la Cream (desde Andalucía, un espectáculo de circo, malabares, humor e clown), Hipnótica (compañía asturiana que mestura teatro físico e narración visual), Maite Guevara (clown e actriz de Euskadi cun humor fresco e persoal), Maiclown (artista arxentina cunha posta en escena espectacular que inclúe números aéreos), Concerto Punkinfantil (de Peter Punk, Pallaso e Brais das Hortas, un dos espectáculos máis relevantes da música infantil en galego, que combina ritmo, diversión e mensaxes positivas), o Mago Paco e Duende Circo (co seu espectáculo itinerante Pallaso total).
Ademais, ao carón de cada espectáculo instalarase un posto con flocos ou gominolas (segundo o día), onde os asistentes poderán recoller o seu obsequio presentando os Vales Corazón, dispoñíbeis nos negocios asociados e no punto de información da campaña. O obxectivo é “ofrecer ás familias que confían no comercio local unha experiencia completa de lecer, enchendo as rúas de Boiro de vida, cultura e corazón”.
O gran sorteo final: 5.000 euros en premios
A campaña Boiro, Compras con Corazón culminará o sábado 23 de agosto cunha espectacular festa final na praza do Concello, que “converterá Boiro nun auténtico espazo de lecer, diversión e emoción”, explicou a patronal, engadindo que a xornada incluirá un parque de inchábeis con propostas para todas as idades (inchábeis clásicos, pista de obstáculos, toro mecánico e barreira xiratoria; con Vales Corazón); degustacións especiais de mini hamburguesas de mexillón, que poderán desfrutarse presentando os Vales Corazón, e postos de lambonadas e flocos de millo, tamén accesíbeis con Vales Corazón.
O prato forte será o sorteo final de 5.000 € en vales de compra, serán 5 premios de 1.000€ , conducido polos coñecidos actores Mofa e Befa (Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo), con música a cargo de Rapariga DJ, moito humor, animación e conexións en tempo real coa pantalla xigante.
Ademais, a ABE instalará un gran escenario de 8 metros de longo cun sistema de son profesional e pantallas LED, desde onde se retransmitirá en directo todo o desenvolvemento do sorteo e as actividades, incluíndo vistas aéreas con dron. Como detalle especial e símbolo do espírito desta campaña, repartiranse 500 abanos de deseño exclusivo, un agasallo para as persoas asistentes que reforza o carácter visual, artístico e emocional da iniciativa. O presidente da ABE, Daniel García, destaca: “Queremos pechar esta semana inesquecíbel cun evento á altura do que significa esta campaña para o noso comercio e para Boiro. Será unha festa completa, pensada para gozar en familia, sorprender e agradecer o apoio da xente aos negocios locais. A festa final será tamén unha oportunidade para seguir compartindo a esencia de Boiro, Compras con Corazón, unha esencia que consiste en proximidade, participación e un pobo envorcado cos seus veciños”.
Rifas, Vales Corazón e punto de información
Desde o martes 12 de agosto, os negocios asociados á ABE dispoñen dos Vales Corazón, que entregarán aos seus clientes como convite para acceder de balde ás actividades infantís con inchables e ás degustacións gastronómicas da campaña.
Para participar no gran sorteo final de 5.000 € (repartidos en 5 premios de 1.000 €), os clientes deberán realizar as súas compras en calquera dos máis de 200 negocios asociados á ABE, non só do comercio, senón tamén doutros sectores (hostalería, servizos, etc.), entre o 16 e o 23 de agosto.
Para obter as rifas que dan dereito a participar no sorteo, será necesario trocar os tíckets de compra no punto de información da campaña, situado cada día xunto ás diferentes actividades programadas. Por cada 10 € de compra entregarase 1 rifa, cun máximo de 5 rifas por tícket ou factura.
Tamén se poden trocar os tíckets o mesmo día do sorteo ata media hora antes do comezo.
Daniel García quixo lembrar que “cando falamos de comercio local, falamos de persoas, de compromiso e de identidade. Esta campaña é unha homenaxe a todos eses pequenos xestos diarios que sosteñen a nosa economía e fan pobo. Animamos a toda a veciñanza e visitantes a vivir con nós esta semana única”.
A campaña está promovida pola Asociación Boirense de Empresas, co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio, e coa colaboración do Concello de Boiro.


