A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre a alcaldesa e o alcalde e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse ao Pazo de Raxoi.
No Salón Vermello, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o rexedor padronés, Anxo Rei, destacaron os máis 60 anos de tradición desta irmandade entre Compostela e Padrón.
A rexedora compostelá salientou os innumerables “espazos de colaboración” entre as dúas vilas, e fixo fincapé na historia e no camiño común entre ambas vilas. “Sepárannos apenas 25 quilómetros” que, indicou a alcaldesa, lonxe de ser un abismo “é todo o contrario” pois “partillamos relato, historia común” e a “vontade de continuar constuíndo vidas máis xustas e libres e avanzando cara a transformación social e a igualdade”.
Anxo Rei agradeceu o convite e lembrou os fortes vínculos entre ambas urbes, así como a utilidade desta colaboración entre os dous municipios que se materializa en múltiples asuntos, como por exemplo no da regulación turística. “Ten sentido porque e un vínculo de concordia, ben necesario nos tempos que vivimos, e pola vertente do traballo diario”, apuntou Rei. O rexedor convidou a Corporación a unha nova celebración do Día de Santiago en Padrón a vindeira Pascua.
Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.




