Santiago celebra a terceira edición da Alba de Compostela cun recoñecemento especial á Fundación Castelao

25 Xullo 2025

Con motivo do Ano Castelao, o Concello entregoulle un recoñecemento especial á Fundación que mantén activo o seu legado, representada polo seu presidente, Miguel Anxo Seixas. Os catro recoñecementos da Alba de Compostela 2025 foron outorgados ao mestre ferreiro Chago Martínez, á médico Charo Rúa, ao taberneiro Suso do Dezaseis e á cantareira Aurora de Freira. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, lembrou que a Alba de Compostela “naceu para premiar quen fai máis grande este territorio que habitamos, para agradecer o traballo colectivo e o esforzo co que gañamos como comunidade”.

Concello de Santiago

O Teatro Principal acolleu, por terceiro ano consecutivo, unha nova edición da Alba de Compostela, o acto institucional organizado polo Concello de Santiago e inspirado no discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día 25 de xullo, en 1948.

A música correu a cargo do gaiteiro Oli Giráldez, acompañado ao tambor por Gustavo Couto, mentres que a escritora Rosa Aneiros foi a encargada de conducir o acto e de ler as laudatio de cada un/unha dos/as homenaxeados/as. Todas as persoas distinguidas coa Alba de Compostela recibiron un diploma e unha peza conmemorativa da man da alcaldesa e dos membros da Corporación municipal María Rozas, Míriam Louzao, Borja Verea e Gumersindo Guinarte. 

O primeiro en recibir o recoñecemento foi Santiago Martínez Otero (Chago Martínez), mestre ferreiro, pola súa dedicación á construción e restauración de forxa, mantendo e poñendo en valor prácticas profesionais tradicionais e en risco de desaparición, e pola súa participación na recuperación das forxas da maioría dos edificios emblemáticos da Cidade Histórica. 

A continuación, foi a quenda de Rosario García Rúa (Charo Rúa), médica, pola súa traxectoria profesional no ámbito sanitario de urxencias e, nomeadamente, por ser pioneira como médica do helicóptero do 061; así como polo seu labor continuado de divulgación e formación dirixida a campos profesionais que operan na primeira liña de intervención. 

En terceiro lugar, recibiu o recoñecemento Xesús Manuel Coba Cascallar (Suso do Dezaseis), taberneiro, pola súa capacidade para crear comunidade ao redor do rito de xantar, consolidando un espazo de referencia no barrio de San Pedro que transcende a oferta gastronómica para converterse nun lugar de convivencia cultural e social. 

A cuarta en recibir o recoñecemento foi Pilar Aurora Otero Pérez (Aurora de Freira), cantareira, por ser unha das referentes compostelás na transmisión da música e das melodías populares e polo seu papel como informante en compilacións e recollidas de música tradicional, contribuíndo á preservación da memoria comunitaria e da poesía popular oral. Aurora de Freira, tras os agradecementos, interpretou varias cantigas populares acompañada por Esther Castelao Balboa. 

A maiores destas catro distincións, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, recibiu unha ‘Estrela de Santiago’ de mans do concelleiro Gonzalo Muíños e da alcaldesa, quen asegurou que “desde o primeiro momento contamos coa súa complicidade e por iso quixemos, nesta ocasión, neste ano dedicado ao xenial Afonso Daniel Rodríguez Castelao, recoñecer o labor desta entidade”.

Neste sentido, Goretti Sanmartín indicou que a Alba de Compostela “forma parte da programación destinada a lembrar o político, escritor, artista e investigador, autor, en definitiva, dunha grande obra que, como dicía a súa compañeira Virxinia Pereira, era, na súa totalidade, esencialmente política”.

Discurso da alcaldesa

Goretti Sanmartín comezou a súa intervención poñendo en valor as tres edicións deste acto institucional. “Iniciamos a Alba de Compostela cando se cumprían os 75 anos daquel acto en que fora pronunciado o discurso -en referencia ao Alba de Gloria-. O pasado ano, a efeméride era o 40 aniversario dunha data tamén significativa na relación de Castelao con Compostela, a traída dos restos para ficar para sempre no Panteón de Galegos Ilustres. E neste 2025, lembramos o seu falecemento no exilio, acontecido hai 75 anos, menos de dous anos despois de que a Alba de Gloria pechase a conta inmensa de actos públicos de Castelao, a maior parte deles centrados na defensa dos dereitos do noso país, a comezar polo propio Estatuto de Autonomía”, afirmou.

No seu discurso, a alcaldesa reivindicou a memoria como “un acto de xustiza” asegurando que “Castelao non volveu ver a nosa terra, coma moitas outras persoas ás que a infamia da ditadura lles quitou a vida ou lles impediu vivila no lugar e coa liberdade que desexarían. Facer memoria delas é un acto de xustiza, como o é devolver o roubado”, para engadir que “Compostela entendeu hai moito tempo a importancia que teñen as pegadas da historia e a necesidade de impulsar colectivamente a súa restitución, como fixo coas estatuas do Mestre Mateo que volverán pronto a dar testemuña dela na nosa cidade”.

A respecto das persoas distinguidas, Goretti Sanmartín salientou que “temos catro novos nomes para engadir a ese conxunto cada vez máis amplo de persoas recoñecidas e aplaudidas porque do seu labor, do seu amor por Santiago, da súa entrega e audacia beneficiámonos toda a colectividade. Quero hoxe felicitar especialmente estas catro persoas, que teñen méritos abondo en ámbitos de actuación e disciplinas diversas.”

Lembrou que a Alba de Comspotela “é unha conmemoración para a nosa veciñanza” e tamén para “festexar unha cidade de vida, porque aquí, á beira do máis rico patrimonio, viven mulleres e homes que cada día coidan e melloran a súa cidade e Compostela e a Corporación municipal non pode senón agradecérllelo e aplaudírllelo”, engadiu.

Goretti Sanmartín incluíu un convite para “no día grande de Compostela, celebrar estarmos aquí, nesta cidade marabillosa que Castelao, na distancia, evocaba na súa festa aquel lugar onde, segundo dicía, lle nacera a idea dunha Galiza “máis xusta, máis libre, máis farturenta”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...