Ribeira celebrou unha xornada sobre a historia e os oficios do mar coa colaboración do Consello da Cultura Galega

04 Xullo 2025

O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira acolleu este xoves 3 de xullo unha xornada que reivindicou os oficios tradicionais vinculados ao mar, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello. Esta actividade enmarcouse no protocolo de colaboración asinado por ambas entidades o pasado mes de xuño, que ten como obxectivo impulsar accións culturais e formativas arredor da historia, a lingua, a literatura e o patrimonio.

Durante a sesión, destacouse a importancia dos coñecementos, técnicas, habilidades, simbolismos e procesos asociados aos oficios artesanais do mar como parte fundamental do patrimonio cultural inmaterial galego. Subliñouse tamén o papel que teñen estes oficios na identidade colectiva das comunidades costeiras, que durante xeracións viviron en equilibrio co ecosistema mariño, creando unha cultura propia.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, valorou moi positivamente o desenvolvemento do encontro: “Foi unha tarde chea de aprendizaxe e reflexión sobre a nosa historia mariñeira, na que expertos e representantes dos propios oficios nos axudaron a comprender mellor a súa relevancia e os retos que afrontan para garantir a súa continuidade”. Pérez Barral tamén quixo agradecer expresamente “a colaboración do Consello da Cultura Galega, que fixo posíbel esta xornada, e co que seguiremos traballando para traer máis actividades deste nivel a Ribeira”.

O programa contou con diversos relatorios, como o de Lino Lema Bouzas, do Padroado do Museo do Pobo Galego, que explicou a relevancia cultural dos oficios do mar; Manuel Chaín Pérez, da Xunta de Galicia, que detallou a protección legal do patrimonio cultural inmaterial; Gerardo Triñanes Fernández, que puxo en valor a carpintaría de ribeira como ben de interese cultural recoñecido; e Rosa María Pardo Campaña, presidenta da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, que relatou as dificultades para garantir a transmisión xeracional dun oficio que carece de recoñecemento oficial como patrimonio inmaterial.

A xornada pechouse cunha mesa de debate moderada pola antropóloga Guadalupe Jiménez Esquinas, da Universidade de Santiago de Compostela, na que se abordaron as posibilidades que ofrece a protección patrimonial para a salvagarda destes oficios, incluíndo accións de documentación, investigación, promoción e formación.

Desde o Concello de Ribeira salientaron que esta actividade “é só o comezo dunha programación cultural conxunta que queremos que abranga moitos máis temas e que contribúa a descentralizar a cultura, achegándoa a toda a cidadanía”. O rexedor concluíu destacando a importancia de seguir dignificando estes oficios tradicionais “non só como parte da nosa economía, senón como parte esencial do noso ser colectivo e da nosa memoria”.

Outros artigos

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Este martes 8 de xullo, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo de Ribeira, anunciou a posta en marcha, nas súas palabras, “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes itinerarios, engadiu,...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.