Rianxo sitúase entre os concellos beneficiarios do programa de axuda para proxectos singulares para a renovación de instalación de alumeado exterior municipal do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), o que suporá un investimento de 547.364,30€ no municipio.

Con esta axuda, segundo confirmou o alcalde rianxeiro Julián Bustelo, acometerase a modernización integral do sistema de iluminación exterior da vila, cambiando as luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED de alta eficiencia, incorporando sistemas de telexestión intelixente e reducindo de xeito considerábel o consumo eléctrico.
“Estamos antes un investimento que suporá un salto cualitativo en eficiencia e sustentabilidade, mais tamén unha mellorar substancial da iluminación das nosas rúas”, destacou José Alberto Angueira, concelleiro de Obras e Servizos.
O proxecto, financiado con fondos estatais, do IDAE, permitirá substituír luminarias antigas por sistemas de iluminación LED de baixo consumo, o que contribuirá a unha importante redución da factura eléctrica municipal, ao tempo que se minimiza o impacto ambiental e se mellora a visibilidade e seguridade nas rúas.
Contribución de Portos de Galicia
Ás axudas estatais do IDAE súmanse as recentemente achegadas pola Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, que investiu 210.000 nas obras de renovación das luminarias do porto de Rianxo por tecnoloxía LED de alta prestación e control telemático. As obras, en execución na primeira semana de xuño, “permitiron modernizar o alumeado exterior do porto, reducindo o consumo enerxético”, explicou a Consellería, engadindo que esta actuación forma parte dun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos inviste este ano 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentábel ao sistema portuario autonómico.
En concreto no porto de Rianxo, actuouse sobre 169 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.



