Porto do Son puxo en marcha este mes de xullo un novo Servizo de Estimulación Terapéutica para persoas con demencia tipo alzhéimer e deterioro cognitivo. O servizo está promovido pola asociación AGADEA Alzhéimer e conta co respaldo do Concello e o financiamento do POS Social da Deputación da Coruña. O obxectivo é achegar atención profesional de balde e de proximidade para as persoas maiores e para as súas familias.
As actividades incluídas serán desenvolvidas por unha terapeuta ocupacional e unha xerocultora do equipo de profesionais de AGADEA, que estarán dispoñíbeis tres días á semana: os luns, mércores e venres de 9:30 a 13:30 horas no Viveiro de Empresas municipal (rúa Noal 32). Quen precise máis información tena ao seu dispor no teléfono móbil 672 70 50 53 e na conta de correo cdiaribeira@xunta.gal.




