Este mércores 23 de xullo celebrouse en Porto do Son o acto de entrega de diplomas dos cursos de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo financiados pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible. Alí, puxéronse en valor as oportunidades que ofrece a actividade turística vencellada á actividade marítima no ámbito da economía azul.

No acto estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, quen destacou “a importancia de que sexan realizadas este tipo de accións formativas para capacitar aos profesionais e facilitar a posta en marcha de novos proxectos nos que a cultura marítima constitúe un atractiva de alto valor”. Na cita tamén participou o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, entre outras autoridades.

Nestas accións formativas, enmarcadas no Plan de Animación do GALP Costa Sostible para o 2025, participaron 19 armadores da Confraría de Pescadores de Porto do Son e 11 redeiras, tres da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, e oito da Asociación de Redeiras Virxe do Carme de Porto do Son. Estes cursos dan continuidade a unha liña de traballo que permitiu a realización de seis cursos no 2024, catro para o marisqueo a pé e dous de pescaturismo nos que se formaron un total de 76 persoas, 39 de Noia e 38 de Muros. Ademais, realizouse unha visita de estudo a Palamós, referente no eido do turismo mariñeiro, onde foi posible coñecer a colaboración entre o sector pesqueiro e o público nas distintas actividades.

Un labor que tamén axudou a xerminar o proxecto Azul de Portosín de Turismo Mariñeiro, promovido pola confraría e o Concello, que pretende converter o porto de Portosín nun referente no turismo de embarques e a economía azul.



