O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron o cartel do Santiaguiño 2025, dando o pistoletazo de saída a unha das celebracións máis agardadas do verán. O festival, que terá lugar entre o 17 e o 26 de xullo, promete converter a vila nun escenario efervescente de cultura e diversión para todos os públicos.

Festival Ultreia: a música como protagonista
Un dos pratos fortes será o festival Ultreia, que se celebrará os días 18 e 19 de xullo. O venres, na praza de Macías, destacan as actuacións de Xurxo Fernandes e Sonoro Maxín, mentres que o sábado, no Espolón, será a quenda da cultura urbana con O son do Sar, que inclúe rap, regueifas e freestyle. A troula continuará durante as madrugadas con sesións Open Air e DJ como Matrek, Iván Mata, La Buena Vida, Prada, MRJ e Pitty. O Paseo do Espolón contará con punto lila de atención durante o festival.
Actividades para familias e cativada
Do 21 ao 23 de xullo, a programación centrarase nos máis pequenos e nas familias, con espectáculos que mesturan ciencia, teatro e acrobacias. María Canosa e Teatro Gazafelhos presentarán “H2… Oh!”, mentres que Hípica Celta achegará o circo aéreo con “Dende arriba”. A maxia de Antón, xunto con Títeres Cascanueces, animarán o mércores.
Dobre festa o xoves 24
O campo do Souto acollerá unha festa infantil con xogos e sorpresas pola tarde. A noite prolongarase cunha programación intensa que inclúe a Asociación Rosalía de Castro no Xardín Botánico-Artístico, o humor de Pepe Suevos e actuacións musicais de UYF’75, Somoza Trío e DJ Bruno Deejay.
25 de xullo: romaría e tradición
O día grande das festas contará coa emblemática romaría ao Santiaguiño do Monte. Haberá misa solemne, procesión, actuacións da Coral Polifónica Padronesa e unha sardiñada con cachelos, pan de millo e bolos preñados. Grupos folclóricos como O’Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra poñerán o ritmo durante todo o día. A cativada gozará con inchables de auga e festa holi.

Despedida co aroma do mar
As festas rematarán o sábado 26 coa chegada da Inchadiña Branca Vela ao Paseo do Espolón, unha homenaxe á poeta Rosalía a través dun desfile marítimo-fluvial polos ríos Ulla e Sar.
Todos os espectáculos son de acceso gratuíto, e o Concello habilitará transporte adaptado para facilitar a subida ao monte o día 25.



