O presidente da RAG participa este martes en Muros na presentación de ‘Son galego’, a homenaxe ao avó de San Xián de Torea do arxentino-galego Antón Rey

21 Xullo 2025

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participará este martes, 22 de xullo (19:00 horas), no local social de San Xián de Torea na presentación de Son galego, o poemario que Antonio José Francisco Rey (Buenos Aires, 1959), Antón Rey, lle dedica ao seu avó paterno, nado nesta parroquia do concello de Muros. Monteagudo, natural deste concello coruñés, acompañará o exalumno dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que a RAG coorganiza da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. No acto, aberto a todo o público, tamén intervirá o escritor Suso de Toro, que prologa o libro que edita Medulia.

Son galego é un libro de homenaxe a Juan Antonio Rey Vara, muradán da parroquia de San Xián de Torea e emigrante en Buenos Aires que lle deixou a Antón Rey un legado imborrable: a lingua galega. “Eu non cheguei ao galego porque lese a Rosalía de Castro ou a Daniel Castelao. Eu cheguei ao galego desde outro lugar máis íntimo, persoal, a través do meu avó. Del aprendín a amar Galicia”, destaca. Un amor que non divide, senón que multiplica. “A miña galeguidade non colide coa miña arxentinidade. Eu ía ao cemiterio da Chacarita e visitaba catro tumbas: a do meu avó, a da miña nai, a de Castelao e a de Carlos Gardel”, confesa.

“Antón Rey é un bo exemplo de ata que punto a construción da identidade das persoas é unha construción voluntaria”, sinala o presidente da RAG quen, coma o autor, é membro tamén dunha das tantísimas familias galegas marcadas pola emigración a América. Henrique Monteagudo define Son galego como unha obra de “poética sinxela, directa, moi Borges”, unha “declaración de amor absolutamente confesional, aberta, sincera”.

O poemario reúne as primeiras composicións poéticas de Antón Rey sobre Galicia e o seu avó –escritas tras a súa primeira viaxe a Galicia e publicadas en 2002, nun “protolibro” que saíu do prelo en Buenos Aires– e mais outras posteriores. As páxinas acubillan ademais fotografías da súa autoría de San Xián de Torea e outros espazos do rural galego que evocaba o avó Juan Antonio na súa memoria. Esta nova edición ampliada preséntase con prólogo de Suso de Toro, quen destaca que a ollada de Antón Rey “refresca con luz viva todo o que nós aquí vemos vello” e nos lembra que “é luminoso”. Pero Antón Rey non só escribe en galego sobre o mundo da aldea que abandonou o avó emigrante na primeira metade do século XX. “Fixen do galego unha ferramenta para falar do mundo, do que sexa”, conclúe.

Mestre de primaria e profesor de secundaria de profesión, Antón Rey realizou os seus primeiros cursos de galego na Arxentina e completou a súa formación nos anos 2023 e 2024 como estudante dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que se celebran cada mes de xullo en Santiago de Compostela.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.