O PP de Ribeira achaca ás políticas do Goberno a falta de recursos da policía para facer fronte a incidentes como a liorta multitudinaria de Artes

04 Xullo 2025
María Sampedro, voceira do PP de Ribeira

O PP de Ribeira emitiu un comunicado no que expresa a súa fonda preocupación polos incidentes acontecidos esta semana no Centro Recreativo de Artes, no que 60 persoas de dous clans familiares protagonizaron unha salvaxe batalla campal, co resultado dun falecido e varias persoas feridas, e media ducia de detencións.

“Este tipo de sucesos”, din, “evidencian a ineficacia e a parálise do Goberno estatal para garantir a seguridade en Ribeira”.

Tamén indican que “o senador Manuel Ruiz xa rexistrara no Senado as súas primeiras preguntas tras asumir a súa acta, precisamente centradas na preocupante situación da seguridade na cidade”.

E engaden: “En novembro de 2023, o senador Manuel Ruiz, xunto coas súas compañeiras do Grupo Popular, Rosa María Gallego e Verónica María Casal, trasladou ao Goberno estatal a súa preocupación pola falta de efectivos e recursos materiais na Comisaría de Ribeira”. As preguntas incidían “na insuficiencia do catálogo de postos de traballo, a necesidade urxente de reforzar a Policía Científica, a carencia dun grupo específico de Estranxeiría malia o tráfico marítimo internacional do porto, a falta de equipamento básico como cascos e escudos para os axentes, e a necesidade de contar cunha Unidade de Orde Pública (UPR) dado que Ribeira está a 70 quilómetros de Santiago, o que dificulta a rápida intervención en situacións de urxencia”.

O PP sostén que ante estes requirimentos “o Goberno central achegara evasivas e referencias xenéricas, o que puxo de manifesto, xa daquela, a falta de compromiso e a inacción do Executivo central para resolver unha situación coñecida por todos os veciños”.

Engaden que “agora, tralos lamentábeis sucesos de Artes, confírmase o que Manuel Ruiz advertiu desde o primeiro momento: a parálise e a ineficacia do Goberno estatal están a deixar desprotexidos aos cidadáns de Ribeira”.

O Grupo Popular no Senado reitera a súa esixencia ao Goberno estatal para que “reforce de inmediato o cadro de persoal da Policía Nacional en Ribeira, dote aos seus axentes do material necesario para garantir a súa seguridade e a da cidadanía, e adopte medidas contundentes para frear o aumento de delitos e altercados na localidade, incluíndo unha UPR”.

Ademais, trasladan o seu recoñecemento e felicitación aos axentes que, segundo o PP de Ribeira, “actuaron con profesionalidade e dilixencia durante a liorta de Artes, a pesar da falta de medios coa que desempeñan o seu traballo”.

Outros artigos

Ribeira presenta novos roteiros turísticos en bicicleta eléctrica

Este martes 8 de xullo, Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo de Ribeira, anunciou a posta en marcha, nas súas palabras, “dun completo programa de roteiros deseñados para mergullarse na rica historia e cultura da nosa terra”. Estes itinerarios, engadiu,...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.