O novo Plan de Sendas de Galicia é xa unha realidade e todo apunta a que permitirá que a nosa Comunidade dea novos e decisivos pasos en materia de mobilidade sostible e seguridade. Para acadalo, inclúe a execución de máis de 120 quilómetros de itinerarios nas estradas autonómicas ata o vindeiro ano 2027, e que suporá un investimento de preto de 69,7M€.

O Plan, encadrado no marco da Estratexia Galega de Mobilidade (aprobada en maio deste ano polo Executivo autonómico, que ten entre os seus eixes fundamentais a mobilidade sostible a activa mediante a construción de sendas peonís e ciclistas), dá continuidade ao Plan de Sendas de Galicia levado a cabo en fases previas e que fixo posible acometer case 300 quilómetros de novas sendas e beirarrúas cun investimento de preto de 144 M€.
Lembrar que o Plan de Sendas foi recentemente distinguido nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC), unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas que promove a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria en toda a UE.

Ademais, están en execución xa actuacións de grande relevancia, como poden ser as correspondentes aos eixos metropolitanos de Santiago: Milladoiro – Intermodal, Intermodal – San Caetano, acceso ao CHUS; Ourense: Intermodal – Ponte Vella – Expourense); ao treito Mollabao – Praceres da PO-546 entre Pontevedra e Marín: á senda na estrada PO-323 en Teis (Vigo) ou a da PO-531 en Campañó, tamén no concello de Pontevedra.
No Plan de Sendas de Galicia acabado de aprobar pola Xunta porá o foco en itinerarios que incentivan os usos de modos non motorizados como alternativa ao transporte convencional, reducindo tráfico e emisións; promovendo o exercicio físico beneficiando á saúde e benestar e mellorando a seguridade viaria (ao segregar usuarios vulnerables do tráfico motorizado). Ao devandito súmase a importancia de fomentar as vertentes recreativas e turísticas deste novo tipo de mobilidade.
Na selección de actuacións do Plan partiuse da revisión e análise das infraestruturas existentes e plans previos para a selección e identificación de áreas prioritarias baseadas en criterios de demanda, accesibilidade e coherencia coa Estratexia Galega de Mobilidade, que permitiron a clasificación das actuacións en niveis de prioridade (alta, media e baixa) segundo factores como o impacto potencial, a seguridade e a viabilidade técnica. Con estas bases, analizáronse os plans redactados previamente para as 11 primeiras comarcas do Plan de Sendas de Galicia para recoller actuacións que se identificaran pero que tiñan unha prioridade menor que as levadas a cabo na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, Morrazo, Ourense, Pontevedra, Salnés, Santiago, Terra Cha e Vigo.
Ademais incorporáronse as sendas identificadas como máis prioritarias de 7 novas comarcas: Baixo Miño, Barbanza, Condado, Deza, Lemos, Noia e Sarria.
Así, planifícase a execución dun total de 122,93 quilómetros de novas sendas no período ata 2027, con actuacións que están en diferentes fases de tramitación administrativa.
As lonxitudes e orzamentos definitivos destes itinerarios concretaranse nos proxectos construtivos que se redacten, pero partindo da planificación xa proxectada nas catro provincias.
Deste xeito, na provincia da Coruña, poden destacarse a planificación de novos itinerarios entre Arteixo e Lañas; entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón.

Na provincia de Lugo prevese, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria
No caso de Ourense, destacan as previstas na capital da provincia, en Reza, de acordo co proxecto consensuado cos veciños; e na zona do Cumial.
En canto á provincia de Pontevedra, actuarase no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, prevé licitar antes de final de ano o contrato de servizo para redacción de todos os proxectos necesarios para completar o Plan.
Este contrato realizarase nunha licitación conxunta da redacción de proxectos das outras liñas de financiamento FEDER 21/27: seguridade viaria, actuacións preventivas en muros e noiros, e plan de acción contra o ruído.



