
O Concello de Ribeira vén de habilitar novas prazas de estacionamento gratuítas nunha parcela situada na entrada da cidade, na avenida de Ferrol.
Esta actuación enmárcase nas medidas que o Goberno local está a levar a cabo para “ofrecer alternativas de mobilidade e facilitar o uso do vehículo particular, especialmente nestes meses nos que se incrementa a chegada de visitantes e celébranse numerosos eventos culturais e festivos”.
Ademais, o Concello tamén puxo en marcha zonas azuis gratuítas nas rúas Rosalía de Castro e Romero Ortiz, zonas que teñen como obxectivo “garantir espazos dispoñíbeis para realizar compras rápidas, así como facilitar as tarefas de carga e descarga, contribuíndo así a dinamizar a actividade comercial do centro urbano”.
O alcalde, Luís Pérez Barral, destacou que “seguimos traballando para que Ribeira sexa unha cidade máis accesíbel tanto para veciñanza como para quen nos visita. Queremos facilitar que a xente poida estacionar sen custo e, ao mesmo tempo, dinamizar o comercio e a hostalaría locais”.

Na actualidade, Ribeira conta con seis aparcadoiros gratuítos no centro urbano -situados na Avenida de Ferrol, Avenida da Coruña, Agustín Fernández Oujo, As Avesadas e Fafián- aos que se suma tamén o aparcadoiro do Centenario. Este foi municipalizado polo Goberno local para rebaixar as tarifas e garantir que estea aberto as 24 horas do día e os 365 días do ano. “Grazas a esta medida”, informou o Concello, “o Centenario converteuse nun dos aparcadoiros máis económicos de Galicia: por tan só 1,5 euros pódese deixar o coche durante dúas horas, tarifa que ademais pode verse reducida se se realiza unha compra no comercio local”.
O alcalde supervisou persoalmente os traballos de adecuación da nova parcela, acompañado do segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta, coa vista posta en seguir incrementando as facilidades para o estacionamento e mellorar a mobilidade no municipio.
Zonas de estacionamento en Ribeira
Aparcadoiros gratuítos
Aparcadoiros soterrados
Aparcadoiro público do Centenario (tarifas reducidas)




