O Concello de Boiro convoca un proceso selectivo para a cobertura en propiedade dunha praza de administrativo/a (funcionario de carreira) da oferta de emprego público do ano 2023. As bases e toda a información sobre o proceso selectivo están dispoñíbeis na páxina web municipal.
O sistema de acceso será mediante concurso-oposición e as funcións a desenvolver serán as da competencia da súa titulación tales como a tramitación de expedientes e procesos administrativos, confección e manexo de ficheiros, informe de expedientes administrativos, redacción de informes, propostas, actas…
As persoas aspirantes deberán cumprir cunha serie de requisitos xerais como son estar en posesión do título de bacharel ou técnico ou equivalente; posuír a nacionalidade española; non ter sido despedido mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública; e posuír as capacidades e aptitudes físicas.
O Boletín Oficial do Estado publica este venres a convocatoria polo que se abre un prazo de vinte días hábiles para a presentación de solicitudes, que se deberán facer mediante o rexistro xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro.




