O BNG de Porto do Son, a través do seu voceiro Balbino González Montemuíño, emitiu un comunicado no que acusan ao alcalde do Concello, Luis Oujo, “de negar sistematicamente o acceso á documentación que se lle solicita” relativa, entre outras cousas, á construción dun pazo de barrena no lugar da Coviña (na parroquia de Xuño), á relación dos gastos que correron a conta do Concello derivadas das festas do Carme do Son e da Semana Santa, entre outras, ao que se engade o expediente da tramitación do proxecto de reparcelación da Unidade de Actuación UA-09, no núcleo urbano do Son, aprobado mediante Decreto da Alcadía.
Os nacionalistas lembran a este respecto que o Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Porto do Son, no artigo 13.1. di que ” todos os concelleiros terán dereito a obter cantos antecedentes, datos ou información consten en poder dos servizos da Corporación e sexan necesarios para desenvolver a súa función” e, en base a isto, o grupo solicitou mediante escritos presentados no Rexistro Municipal diversa documentación que, segundo din, “o rexedor négase a entregar, motivo polo que nos vimos na obriga de presentar unha queixa perante a Valedora do Pobo, que vén de ser admitida a trámite, e tamén unha reclamación perante a Comisión da Transparencia de Galicia”.
E engaden: “Dende o BNG de Porto do Son non entendemos por que Luís Oujo non quere que teñamos acceso a dita documentación, motivo polo que seguiremos esixindo toda a documentación que sexa precisa para desenvolver o noso labor de control e fiscalización ao Goberno Municipal do PP”.




