A Praza da Quintana encheuse un ano máis este 25 de xullo para acoller o acto central do Día da Patria Galega, onde a portavoz nacional do BNG,
A portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou neste Día da Patria que Galiza “é unha nación pola que merece a pena loitar”, e por iso o BNG volve congregarse no corazón do País non só para conmemorar senón para renovar “un compromiso, un vínculo e un latexo compartido polos que estiveron antes, os que están agora e os que virán”. “Esta Patria vale a pena defendela”, sentenciou nunha abarrotada Praza da Quintana.
Cun BNG no mellor momento da súa historia e convencida de que a sociedade galega iniciou un cambio que xa é imparable, a líder nacionalista deixou claro que a folla de ruta do Bloque pasa por chegar cada día a máis galegos e galegas.

Nun discurso cargado de emoción e reivindicación, Pontón fixo fincapé no momento político que vive o nacionalismo galego, cun BNG “no mellor momento da súa historia” e cunha sociedade “que iniciou un cambio imparable”.
“Co sorriso nos beizos e coa man tendida temos que acoller no BNG a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”, asegurou. “Transformar ese amor ao País e esa esperanza nun futuro mellor en consciencia política e en apoio electoral é o noso maior reto nestes intres históricos que vivimos”.
“Seguirán atacándonos, pero xa non hai volta atrás”
Pontón advertiu de que, ante o avance do nacionalismo, continuarán os ataques “por terra, mar e aire” por parte dunha dereita que cualificou de “montaraz”, pero asegurou que xa non hai marcha atrás:
“A sociedade mudou e quere unha Galiza máis dona de si, máis próspera e avanzada. Por iso o cambio é imparable”.
Neste contexto, convidou a pensar unha Galiza “en grande”, facendo do BNG unha “casa común” para todos os galegos e galegas, e puxo especial énfase no papel das mulleres no proceso de transformación social e política.
“Somos unha nación de mulleres valentes, que sostiñeron este País coas súas mans. Máis mulleres activas é a mellor fórmula para conquistar a igualdade real e unha Galiza mellor, porque o futuro será feminista ou non será”, afirmou.
Críticas ao bipartidismo e á corrupción: “Nós temos as mans limpas”
A portavoz nacional do BNG tamén aproveitou para cargar contra o contexto estatal, denunciando a “crispación permanente, as cloacas e a corrupción estrutural do bipartidismo PP-PSOE”, ao que acusou de estar “ao servizo das grandes corporacións”.
En clave galega, lembrou casos como a “estafa da AP-9”, a “ampliación ilegal de Aznar”, os contratos a dedo na Xunta durante o mandato de Feijóo, e a recente política de Rueda, “alumno avantaxado de Montoro”, que —segundo denunciou— lexisla ao servizo dos intereses do lobby eléctrico e mineiro.
“En contraposición a esa lameira de corrupción, está o BNG. Tras 40 anos gobernando institucións moi importantes, non temos nin un só condenado por corrupción, nin un”, subliñou Pontón, reivindicando que o Bloque fai política “coas mans limpas e a cabeza alta”.
A líder nacionalista rematou o seu discurso agradecendo o labor de milleiros de militantes e simpatizantes que, asegurou, “son o maior activo do BNG” e a base dunha alternativa política construída sobre a honestidade, a esperanza e a vontade de mudar Galiza “de abaixo a arriba”.



