A Consellería do Mar conclúe a segunda fase da rexeneración do banco marisqueiro de O Bohído, incluída no marco do encargo de xestión a Seaga para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños por valor de 1,3 millóns de euros para o período 2023-2025. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou este martes na segunda parte deste proxecto que contempla a sementeira de ameixa babosa e xaponesa nesta zona da ría de Arousa, non sometida a plan de xestión.

Nesta xornada, sementáronse 19.000 xuvenís de babosa e 25.800 de xaponesa, procedentes do Centro de Investigacións Mariñas de Ribadeo e, no mes de maio, foron outras 145.700 unidades de babosa criadas nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Estes traballos permitiron así a renovación do substrato dunha zona que abarca unha superficie total de 1,2 millóns de metros cadrados.
A maiores, o Goberno galego lanzou no mes de xaneiro dúas convocatorias de axudas para financiar proxectos colectivos de restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, así como para a compra de cría de bivalvos coa que resementar zonas na que se produciu unha perda de produtividade.
Destinadas a confrarías, federacións e entidades sen ánimo de lucro vinculadas a estas, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector pesqueiro, están dotadas con 1,9 millóns de euros para o período 2024-2025, co-financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e dirixidas a financiar limpezas, remocións ou emendas de substrato; dragados, aportacións ou traslados de áridos; eliminación de obstáculos que modifican as correntes; prevención, control e eliminación de especies exóticas invasoras; traslados ou sementeiras especies marisqueiras, entre outras actuacións que contribúan a restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, incluídos os bancos naturais, as zonas de cría e a reprodución de especies.



