Lousame outorga por unanimidade o título de fillos adoptivos aos artistas Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga

25 Xullo 2025


O pleno de Lousame aprobou por unanimidade o nomeamento de Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga como Fillos Adoptivos do Concello “como recoñecemento ás súas longas traxectorias artísticas, ambas avaladas polos premios acadados e a crítica”, apuntou a alcaldesa Teresa Villaverde. Alfonso Costa, orixinario da Vila de Noia e José Luís Veiras, nado en Compostela, residen en Camboño dende hai máis de 20 anos onde teñen amosado “a súa implicación coa parroquia de Camboño e cos seus veciños, aportando singularidade e deixando constantes mostras da súa xenerosidade e implicación cos proxectos culturais en Lousame e na comarca”, sinalou Villaverde Pais.

Amais, a alcaldesa salientou que tanto Alfonso Costa como Veiras Manteiga son “creadores polifacéticos con universos únicos e irrepetíbeis que se comunican a través das diferentes linguaxes e disciplinas das artes plásticas, amosando un estilo persoal e inimitábel: pintura, fotografía, poesía, ilustración, gravado, cartelismo, escultura, pintura mural, banda deseñada… Coetáneos, auténticos e innovadores”. Así, apuntou que “as súas obras son testemuña da súa mestría na expresión artística e reflicten unha fusión de estilos e riqueza cultural, plasman con paixón o seu pensamento dun xeito comprometido, establecendo unha comunicación aberta co público. Co seu traballo contribúen a espallar a cultura e a arte así como o nome de Galicia polo mundo adiante”.

Festivos locais

Así mesmo, a sesión plenaria ordinaria do mes de xullo serviu tamén para aprobar os festivos locais de 2026: San Lourenzo (luns 10 de agosto) e San Roquiño (venres 2 de outubro). O voceiro do BNG, Anxo Moledo, xustificou a abstención do seu grupo na proposta nacionalista de que os festivos teñen que rotar todos os anos polas parroquias, ao que a alcaldesa de Lousame respondeu que a decisión fundaméntase no día da semana no que coincide a festa, poñendo como exemplo que as de Fruíme este ano caen en domingo, polo que non tería sentido declaralo festivo local, e comprometendo a que no 2027 o festivo local corresponderíalle ás Festas da Gorgosa, en Camboño, que sempre coinciden en xoves.

Na sesión aprobouse por unanimidade un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito de 172,97 euros para o pago dunha factura de 2024 que entrou en xaneiro de 2025 e a segunda modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Lousame para definir as funcións do novo posto de xerocultor do centro de día e para corrixir unha expresión que podía levar a equívoco nun posto en concreto, definido como “dedicación ocasional” e que pasa a ser “dedicación parcial”. PP e BNG votaron a favor da modificación, mentres que o PSOE votou en contra pola ausencia na mesa de negociación de ningún representante dos traballadores. A secretaria municipal aclarou que, tal e como figura no expediente presentado ao pleno, cursouse convite a todas as entidades sindicais pero que estas declinaron asistir nin delegar sobre os representantes dos traballadores, que tampouco asistiron.

Finalmente, o pleno aprobou cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG; unha actualización da ordenanza fiscal polo Imposto a Vehículos de Tracción Mecánica, polo que o coeficiente aplicable ao Concello de Lousame pasa do 1,10 ao 1,40.

Mocións

Por último, na quenda de mocións, PP e PSOE aprobaron un texto presentado por Amnistía Internacional pola fin do xenocidio en Gaza, en defensa do dereito internacional humanitario e a protección da poboación civil. Unha moción que esixe a Israel e Hamás un alto o fogo inmediato, a que as autoridades israelís deixen de cometer accións contra a poboación de Gaza constitutivas do crime de xenocidio, a fin do bloqueo ilegal, o cumprimento das resolucións internacionais e a liberacións de reféns e persoas detidas arbitrariamente. Aínda que a intención do grupo de Goberno era que a moción fose aprobada como institucional polos tres grupos municipais, isto non foi posíbel debido á abstención do BNG xa que “a moción queda moi curta”, xustificou Anxo Moledo. Unha posición que sorprendeu ao voceiro do grupo popular, Esteban Ares, xa que “non é unha moción redactada nin polo PP nin polo PSOE, é trasladar ao Concello de Lousame unha moción que nos envían dende Amnistía Internacional condenando o xenocidio en Gaza”.

A que si foi aprobada por unanimidade foi unha moción socialista, emendada polo grupo popular, para esixir á Xunta e ao Goberno central que doten a todo o territorio de Lousame de fibra óptica e instar ás empresas instaladoras a que fagan o despregue coa maior celeridade. Non pasaron o trámite de urxencia unha proposta socialista sobre a futura dotación de profesorado no CPI Cernadas de Castro, toda vez que a alcaldesa explicou que aínda non se coñecen as cifras, polo que se comprometeu a tratar o tema ao seu tempo nunha sesión extraordinaria se fose necesario; e unha moción do BNG sobre o servizo de axuda a domicilio, ao entender o grupo de Goberno que no texto se faltaba á verdade.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.