O concello de Boiro vai acoller o vindeiro luns 28 de xullo un espectáculo musical para a rapazada: Popsía, de Fran Amil. Será en praia Xardín, a carón do Edificio das Colonias, a partir das 12.00 horas. Trátase dunha cita infantil e familiar que xunta lírica galega con funk, rock, jazz, pop e fusión.
Popsía de Fran Amil supón un achegamento inédito que escolma poemas dende o medievo ata a actualidade, converténdoos en cancións a ritmo de rap, rock, regatón, pop e soul, entre a máis selecta gama de xéneros musicais contemporáneos.
Unha descarga de música e lírica para unha velada inesquecible, que se converte no vehículo perfecto para expresar emocións e ideas modernas adaptando versos de calquera época. Unha aposta de identidade e de comuñón coa mocidade.




