Rianxo vai celebrar este sábado 2 de agosto unha nova edición das Noites Astronómicas, a partir das 22.00 horas no parque Galicia. Será, en palabras da organización (o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC en colaboración coa Xunta, o Goberno e o Concello de Rianxo, co apoio de Óptica Val), unha “noite máxica de observación, divulgación e lecer baixo as estrelas”. Iso si: a sesión estará “supeditada á existencia de boas condicións atmosféricas”.
Este tipo de observacións nos concellos, en diferentes recantos da xeografía galega, son posíbeis grazas ao persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC, que brinda cada ano, baixo o título Noites Astronómicas, sesións de divulgación en diferentes localidades galegas. Cóntase coa participación do director do Observatorio, José Ángel Docobo Durántez, e do investigador Pedro Pablo Campo e as sesións de divulgación inclúen observacións a simple vista e observacións telescópicas de obxectos como estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas e mesmo de diferentes planetas do noso sistema solar.




