A Formación Profesional galega recibe un novo impulso no eido da innovación coa incorporación da nova ferramenta de Intelixencia Artificial Vetinen para a aprendizaxe de inglés aos ciclos de Fabricación Mecánica nos 30 centros que imparten estas ensinanzas en Galicia, tal e como avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro tecnolóxico de Cortizo en Padrón, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Segundo fixo saber trátase dunha ferramenta pioneira no sistema educativo que a Consellería comezou a aplicar como experiencia piloto o pasado curso para a familia de Hostalaría e Turismo e estenderase a partir de setembro á de Fabricación Mecánica, polo que o vindeiro curso beneficiaranse dela preto de 6.000 estudantes de 52 centros de FP.
Ademais, Educación continúa traballando co obxectivo de que se incorpore gradualmente ao conxunto da FP galega.
Román Rodríguez salientou o “alto valor para reforzar a conexión entre formación e empresa” que ofrece Vetinen, na medida en que combina a práctica das destrezas lingüísticas cos últimos avances tecnolóxicos ao servizo da educación e adaptada ás esixencias do mundo laboral.
A ferramenta, impulsada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, permite que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés a través dunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día como pode ser, no caso dos ciclos de Fabricación Mecánica, situacións realistas de montaxe, mantemento, inspección de pezas ou atención a clientes internacionais.

Colaboración empresarial para a alta especialización
O conselleiro Román Rodríguez aproveitou a visita á empresa Cortizo para salientar a importancia do aproveitamento de sinerxías entre o eido educativo e o empresarial para impulsar unha FP “innovadora, de calidade e capaz de dar resposta ás necesidades de demanda de profesionais cualificados”, da que esta firma padronesa “é un exemplo”.
Non en balde, a Consellería de Educación mantén desde hai anos unha estreita colaboración con esta factoría líder en España en fabricación e distribución de sistemas de aluminio e PVC para arquitectura e industria, que permitiu a formación dun total de 221 alumnos en FP Dual Intensiva e en prácticas de Formación en Centros de Traballo.
De cara ao vindeiro curso, a empresa tamén colaborará na formación de Alta Especialización de Soldadura por arco con eléctrodos revestidos ou a soldadura en atmosfera protexida, que se impartirá no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago.



