
A Pobra vivirá o sábado 12 de xullo unha das probas deportivas con máis historia do municipio: a XX Bandeira Concello da Pobra. A cita, organizada polo Club Remo da Pobra en colaboración co Concello, está encadrada dentro da Liga Galega de Traiñeiras B. A sala de xuntas do Concello acolleu este 7 de xuño a presentación oficial a cargo do concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, do presidente do Club, Emilio Dieste, do xerente da Liga Galega de Traíñas, Jonathan Fernández, e o remeiro do club pobrense, Diego Cabezudo Pérez.
En total, serán cinco os equipos que loitarán por conquistar o certame: o Club de Remo A Cabana-Ferrol, Club de Remo Chapela-Wofco, o Club do Mar Bueu-Simei, o Club Regatas Perillo e, ademais, o Club Remo Puebla como anfitrión e organizador.
Durante a súa intervención, o edil incidiu en que a XX Bandeira Concello da Pobra é “un dos eventos deportivos do verán, non só pola súa historia, senón tamén porque forma parte da Liga Galega de Traiñeiras”.
Sobrido mostrou a súa confianza en que, tras unha tempada de éxitos, “o Club Remo da Pobra volva deixar o pavillón ben alto”. Entre eles, o edil lembrou os resultados do Campionato de España de Traiñeiriñas, un certame no que o equipo de cadetes masculino se converteu en campión de España. A isto hai que sumar, ademais, os logros do Campionato de España de Bateis, onde o club fíxose cun metal de ouro na categoría alevín masculino e cun bronce na de cadete masculino, cun cuarto posto en infantil masculino (final A), cun quinto lugar en alevín e cadete feminino (final A), cun sétimo posto na categoría xuvenil masculino (desde a final B) e cun noveno lugar na de infantil feminino (desde a final B). O último triunfo conseguiuno o equipo de veteranas do Club de Rema da Pobra, que gañou a Liga Galega de Veteranas a finais de xuño.
A regata do día 12 celebrarase en dúas quendas (ás 17.30 e ás 18.00 horas). En canto ao formato, este será en liña, e os equipos deberán cubrir seis longos, o que suporá unha distancia total de 5.556 metros.



