Este xoves 17 de xullo a editorial compostelá Teófilo Edicións presentou en Santo Domingos de Bonaval, en Santiago, o seu último proxecto editorial que leva por título Castealo entre nós, 75 anos despois, escrito por Paco López Barxas e ilustrado por Isabel Pintado. No acto interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o conselleiro de Cultura, José López Campos, o autor Paco López Barxas e José Luis Teófilo editor. Tamén estivo presente o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
A actuación musical correu a cargo de Carolina Rubirosa.
Na cita, o conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou a relevancia de “achegar a Castelao, emblema da nosa identidade e cultura, ás xeracións novas”. Neste senso, o responsábel autonómico de Cultura destacou que esta obra, encadrada na programación do Goberno Galego con motivo do Ano Castelao “recolle unha escolma de máis de 40 persoeiros das nosas letras falando sobre un dos grandes símbolos de Galicia”.

O libro
Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao e a declaración de Ano Castelao pola Xunta, o selo compostelán Teófilo Edicións publico cun formato de luxo o libro Castelao entre Nós de Paco López-Barxas. Con ilustracións de Isabel Pintado, o volume achega unha nova e interesante ollada ao legado dun rianxeiro inmortal, sobranceira figura dos nosos ámbitos cultural, artístico, político e literario.
Segundo explican dende a editorial, Castelao entre Nós non é un ensaio nin un estudo erudito, senón un achegamento á obra e personalidade do máis destacado compoñente dunha xeración a través dun xeito atractivo, coloquial e xornalístico.
Nas páxinas da obra que se presenta en Santiago, Paco López-Barxas fai falar a Castelao en primeira persoa, e faino da súa vida e da súa obra, sen esquecer o seu pensamento, o que din e o que contan os seus propios coetáneos e amigos.
“Trátase dunha forma amena e didáctica de achegar a súa figura e de facela máis próxima a todos aqueles lectores que sintan a curiosidade por descubrir esta figura excepcional do noso século XX”, sinalan dende a editorial, engadindo que o autor xa ten unha completa experiencia neste eido, a través dos catro volumes precedentes que compoñen o estoxo Nós arredor de nós (100 anos dunha xeración irrepetible), publicados anteriormente pola mesma editorial con motivo do centenario da revista Nós.
Tras o inicial capítulo de Arredor de min, Castelao fai un percorrido en Arredor de Nós pola formación e desenvolvemento do grupo ao que pertence xeracionalmente, incluíndo os personaxes principais e secundarios que o acompañan. Cabe mencionar neste desfile de abandeirados galeguistas aos integrantes de Nós, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, amigos como Losada Diéguez e Alexandre Bóveda, editoriais e revistas fundamentais no contexto cultural do seu tempo.
Tralo seguinte apartado, Arredor do que dixen, no que se recolle unha breve selección de textos de Castelao, Paco López-Barxas compila baixo o epígrafe de Arredor do que din unha serie de fragmentos e opinións de máis de 40 persoeiros das nosas letras, dende Antón Vilar Ponte e os integrantes de Nós ata o actual presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, pasando por outros como Carvalho Calero, Torrente Ballester, Cunqueiro, Granell, Novoneyra, Alonso Montero, Xosé Luis Méndez Ferrín, Justo Beramendi e Alfredo Conde, entre outros.
Finalmente, Paco López-Barxas inclúe nestas páxinas unha significativa escolma poética que leva por título Arredor dos poetas, composicións todas elas dedicadas a Castelao, entre as que figuran poemas de Ramón Cabanillas, Teixeira de Pascoães, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Salvador García Bodaño, Franco Grande, Dario Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, ou poemas inéditos realizados para esta edición por Xulio Valcárcel, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.



